Fernando Álvarez de Sotomayor
125 aniversario do nacemento

Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
O Museo Provincial de Lugo celebra, este ano, o 125 aniversario do nacemento do pintor galego Fernando Álvarez de Sotomayor e Zaragoza (Ferrol, A Coruña, 25 de setembro de 1875- Madrid, 17 de marzo de 1960) mostrando dúas obras do artista que se expoñen de forma permanente na sala 12.
Fernando Álvarez de Sotomayor foi discípulo de Manuel Domínguez. En 1899, obtivo a pensión artística para ampliar estudos en Roma, onde, ademais de formarse na pintura academicista, tivo a oportunidade de viaxar por Holanda e Francia e descubrir a grandes mestres que influirían na súa obra, como Rubens, Rembrandt e Frans Hols.
Realizou exposicións individuais en Santiago de Chile, Bilbao, Barcelona, Ferrol e Madrid e participou nas Exposicións Nacionais de Belas Artes, obtendo unha segunda medalla en 1904, unha primeira en 1906 e a condecoración en 1912. Ademais da medalla de Ouro Internacional de Munich, a primeira medalla na Internacional de Barcelona e o Premio March de Pintura, entre outros.
Entre 1908 e 1915 foi director da Escola de Belas Artes de Santiago de Chile e Director do Museo do Prado en dúas ocasións: desde o ano 1922 a 1931 e desde 1939 a 1960.
Foi membro da Academia de Prusia, da de Valladolid, de Cádiz, Zaragoza e da Hispanic Society de Nova York e académico de Honra da Academia Galega.
Entre outras condecoracións recibiu a Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, a de Isabel a Católica e a de de Alfonso XII.
A súa obra sempre gozou do apoio da crítica social, sendo considerado un dos mellores retratistas do momento. Tamén cultivou a paisaxe, os temas relixiosos, os mitolóxicos e a pintura de costumes, disciplina esta última pola que será considerado como un dos representantes do Rexionalismo Gallego.
Nos seus cadros costumistas, caracterizados por un colorido brillante e unha pincelada longa e empastada, describe unha Galicia idealizada. Claro exemplo diso son os dous óleos sobre lenzo que se exhiben de maneira permanente na sala 12 de MPL:

Nenos con cabra
Óleo sobre lenzo.
88x 85 cm.
Doazón de José Fernández López.

Costureiras de aldea
Óleo sobre lenzo
113 x 102 cm.
Doazón de Ana María Álvarez de Sotomayor, filla do artista.
Ambas as dúas obras encádranse dentro dunha tendencia realista. Nelas podemos destacar o emprego dunha paleta de cor vibrante e a pincelada empastada, aplicada cunha técnica solta de trazos longos, seguros e vigorosos característicos dos seus cadros de costumes, completamente diferentes aos que o artista empregaba nos retratos realizados por encargo da alta sociedade, de estilo máis academicista.
MQF, Departamento de Belas Artes do MPL


