Adiante
Adiante
Taller prelaboral Daulloa

O Taller Daulloa, desde Monterroso, convida a coñecer o seu novo proxecto artístico: “Adiante”, unha exposición que aborda o fenómeno da migración, coa intención de explorar a súa orixe e comprender o seu impacto na sociedade actual.
A mostra está composta por 9 obras pictóricas e conta cunha guía moi especial: MIA, unha personaxe que acompaña ás persoas visitantes ao longo do percorrido. A través dela coñeceremos diferentes realidades migratorias e, ao final, a exposición lanza unha pregunta clara: Se coñeceses a MIA en persoa, como a tratarías? Que lle dirías?
“Adiante” continúa o camiño iniciado con “Inevitable”, a mostra presentada o pasado ano no Museo Provincial de Lugo, onde a bandeira LGTB tivo un papel protagonista. Ese símbolo reaparece agora na primeira das obras como nexo de unión entre proxectos e compromisos.
Este traballo parte dunha experiencia real: a chegada recente de 120 persoas migrantes en situación irregular a Monterroso, e das reflexións que xurdiron tras compartir unha tarde con algunhas delas no taller. Un achegamento directo que amosa a necesidade de escoitar, comprender e actuar.
“Adiante” é unha chamada a cuestionar os prexuízos, promover a inclusión, combater a discriminación e recoñecer o valor que achegan as persoas migrantes. Porque todas, todos, todes temos dereito a ser tratadxs con dignidade.