ALMA DE GRILO

Acto literario – teatral patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Público: Mocidade

Onde se desenvolve: Xardíns do Museo Provincial de Lugo (en caso de choiva, sala no interior)

Cando:  o 29/09/2023
ás 18:30h

A obra literaria Alma de grilo que se presentará o venres é unha sucesión de relatos, de estampas narrativas breves, nas que conviven o mito e o humor, a lenda e o poema. É unha viaxe polo territorio da imaxinación, de xeito que polas páxinas do libro transitan obxectos humanizados como metáforas de soños; follas que non se deixan arrastrar pola corrente, trasnos que contan estrelas, pintoras salvadas pola súa arte ou monos que triunfan por non seren gregarios.

Pero máis aló dun libro, Alma de grilo é tamén unha obra teatral. Porque a sensibilidade e o poder da palabra desta obra literaria foron inspiración para a compañía lucense Ítaca Teatro que, a partir dos textos do libro, montou a súa última produción.

A obra teatral, baseada no libro homónimo e dirixida por José Campanari, está concibida para ser representada en espazos non convencionais, cunha posta en escena na que prevalece a simplicidade e a harmonía de voz e música. En Alma de grilo hai dous únicos e poderosos protagonistas no escenario: María García, na súa dobre condición de actriz e autora dos textos; e Vadim Yukhnevich, recoñecido músico e compositor bielorruso afincado desde hai décadas en Galicia.

Enlaces de interese

Comparte nas túas redes