Aniversario do Sempre en Galiza, de Castelao,
no Museo Provincial de Lugo

O 10 de marzo de 1974 publicábase en Bos Aires obra Sempre en Galiza, de Afonso D. Rodríguez Castelao. Con motivo da celebración desta efeméride, e dentro do programa conmemorativo polo 75 cabodano de Castelao, desde o Museo Provincial de Lugo queremos dar a coñecer un lote de selos dedicado á figura deste gran persoeiro da cultura galega.
Trátase dun conxunto de 20 exemplares emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre o 11 de decembro de 1986, como homenaxe polo centenario do nacemento de Castelao, quen aparece representado no centro coa súa característica silueta de traxe negro, sombreiro, gravata de moño e anteollos. No fondo pode verse unha paisaxe rural galega na que destacan os tons verdes da vexetación e a representación de elementos arquitectónicos como a ábsida dunha igrexa románica ou un hórreo.
Ingresaron no MPL o pasado 20 de xaneiro, formando parte da colección de obras doadas por Xoán Anllo en legado testamentario.
Cabe sinalar que, en 1939, Castelao deseñou tres selos de correos para reunir fondos para a República: un de 10 céntimos coa representación dunha parella de campesiños a carón dun hórreo, outro de 70 céntimos coa imaxe dunha muller rezando axeonllada diante dun cruceiro e un de 90 céntimos coa representación da “Derradeira lección do mestre”. Están catalogados como NE (non expedidos) números NE 47, NE 52 e NE 54 respectivamente.