As 7 e 7

Hora de falar

As 7 de 7

Público:  Mocidade

Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo

Cando: Dende o 29/02/2024
ao 01/04/2024

Formato: Presencial

Que ocorre coas mulleres na arte? Onde están as obras das creadoras nos museos? Estan as creadoras actuais representadas nas coleccións? Son elas referentes? É a hora de responder a estas e outras moitas preguntas. Pese a que nos últimos anos se deron pasos, as obras de mulleres seguen invisibilizadas, a súa presenza nas mostras é ínfima do mesmo xeito que nas academias, nas coleccións e nos recoñecementos. Artistas de antes e agora comparten dificultades.

As 7 e 7 é unha mostra que dá a coñecer as achegas que elas fan á arte, ao pensamento de Galiza e do mundo, xa non só ao longo da historia senón tamén agora. As 7 e 7 quere ensinar ás 7 artistas expostas no Museo Provincial de Lugo, a través do traballo de  7 creadoras emerxentes. Estas crearán obras tendo como referencia as obras da colección dando lugar a unha exposición colectiva composta polas obras de Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso, María Luísa Pérez Herrero, María del Carmen Corredoira, Violeta Bernardo e María del Carmen Álvarez de Sotomayor y Castro que se misturarán coas de Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmás Noa e Lara Castro Lema. 14 obras, 14 mulleres, 14 pensadoras.

Esta mostra leva aparalledas unha serie de accións que complementan o seu carácter didáctico, como poden ser:

OBRADOIRO “VENDO COMO VER
Obradoiro enfocado para persoas adultas. Nel aprenderemos a mirar a arte, a ver como se reflicte na obra contemporánea, a obra na que esta inspirada. Aprenderemos tamén sobre a linguaxe creadora contemporánea, sobre novas técnicas, máis tamén as que usaron as predecesoras.

5 de marzo ás 17:00 h. Museo Provincial de Lugo.

VISITAS GUIADAS 
Visitas guiadas coas que explicar a vida e obra das artistas en colección así como tamén das creadoras contemporáneas.

6 e 20 de marzo ás 17:00h. Museo Provincial de Lugo.

MESA REDONDA “AS MULLERES NA ARTE – RETOS E DIFICULTADES”
Modera Mónica Alonso, artista presente na colección do Museo Provincial de Lugo e membra da Academia de Belas Artes. A mesa pretende amosar que implicacións ten na profesión da arte ser muller. Analizar dificultades como a visibilidade, as oportunidades laborais, a presenza en espazos expositivos e museísticos, mais tamén analizar posibeis maneiras de solventalas e amosar como.

6 de marzo ás 18:30 h. Museo Provincial de Lugo.

• OBRADOIRO “VEXO, VEXO, QUE VES”
Obradoiro enfocado ao público infantil. Durante unha xornada recibiranse a diferentes escolas para que o seu alumnado, a través de xogos e actividades, aprendan a analizar e coñecer a arte contemporánea… impulsando a ensinanza artistica nas crianzas.

20 de marzo ás 12:00h. Museo Provincial de Lugo.

Artistas

SABELA EIRIZ (Lugo, 1991)
Artista multidisciplinar que traballa fundamentalmente coa fotografía, o vídeo e a escritura.
Nos seus proxectos profundiza sobre a memoria e os vínculos, con especial interese na
xestualidade, na etnografía e unha linguaxe híbrida baseada na poética. Ten participado
en múltiples exposicións individuais e colectivas, proxeccións audiovisuais e residencias
artísticas. Doutora en artes visuais e educación, compaxina a súa labor artística co
traballo como docente da Universidade da Coruña.

NOA COSTAS MARTÍN (Nigrán, 1999)
Noa Costas Martín traballa cos conceptos de memoria, herdanza, patrimonio, vestixio e
arquivo; así como o espazo e a súa ocupación a través do prego. Adoita traballar con
collage, gravado e a ensamblaxe de distintos materiais. É graduada en Belas Artes pola
USAL, 2021, e ten un Mestrado en Belas Artes pola Universidade de Umeå, Suecia, 2023.
Participou no festival Curtocircuito, 2022, e na exposición de graduación no museo
Bildmuseet, Umeå, 2023, coa obra A lingua animal. É integrante de Cantam808.

GRETA DEBELIUS (Vigo, 1990)
Greta Debelius leva cinco anos facéndolle desfeitas na pelella á clientela que pasa polas
súas mans nos múltiples estudos de tatu que lle abren as súas portas. Nos oquiños que
lle quedan entre tatus aproveita para traballar en encargos de ilustración e outros
proxectos artísticos. Cos cartos que saca de todas estas peripecias paga a súa cota de
autónoma e a comida dos gatos, e aínda sobra algo para darlle o seu caseiro que vive en
Madrí antes de coller de novo o lápis.

NOA E LARA CASTRO LEMA (A Coruña, 1998)
Traballando colectivamente, reivindicamos o espazo dos soños e a poesía como
ferramentas de resistencia aos sistemas hexemónicos, así como a profunda e complexa
relación entre tradicións orais humanas e non humanas, e como éstas poden axudarnos a
comprender e transformar aspectos da memoria, a violencia, o coidado, etc.

CARMEN QUINTÁNS (A Coruña, 1994)
Estudiei Belas Artes en la UVigo e o Máster en Investigación en Arte e Creación na UCM.
A miña obra evolucionou ata centrarse nunha disciplina plástica que se centra nos relatos
creados pola interacción coa paisaxe. Traballo coa performance, vídeo ou instalacións
artísticas, ademáis no último año no que me sinto máis cómoda é a pintura. Interésome
por unha experimentación coas relacións que creamos coa nosa contorna, case tanto
como pola ausencia das mesmas.

CRISTINA CHIARRONI (A Coruña, 1993)
É unha artista e deseñadora con formación artística multidisciplinar entre A Coruña,
Pontevedra, Granada e Lisboa. A súa produción mestura diferentes disciplinas como a
cerámica, elementos téxtiles ou videoarte, reflexionando sobre o corpo, a identidade
virtual e o territorio. Dende o ano 2021 forma parte do colectivo artístico Mariola, cuxo
traballo caracterízase por hibridar a interactividade e os xogos coa linguaxe dixital e as
novas tecnoloxías.

ANDREA OTERO (Os Prados, 1996)
Romantika feminista / pesimista / artista-plástico-altruísta / xenerosa mimosa medorosa /
bicos de mariposa / omnivorosa / desfeita, disaster, ovillo, burato, kt / non me gusta o
mate / graduada en belas artes / en Granada estudei un máster / ou ser guapo ou firmar u
contrato / busco traballo / coser e cantar#todo es empezar / lectora e bo bebedora, mellor
escoitadora / d’eixame falar.

Comisarie

SERGIO MAREY (POL, 1997)
Artista multidisciplinar, curadore e directore da galería Solaina en Lugo. O seu traballo
como comisario de mostras centrase na divulgación de artistas noves e emerxentes
galegues e portugueses. Leva comisariadas 12 mostras colectivas e 9 individuais no
espazo que dirixe, ao tempo que desenrolou outras mostras, residencias artísticas e
proxectos para o Culturgal, o Parque Natural de Redes en Caleau (Asturies), a
Deputación de A Coruña, o Festival Intersección ou a Feira HybridArt Madrid. Todos estes
proxectos parten sempre dunha visión social da arte, onde esta está sempre
interrelacionada co pobo. Busca facer pensar sobre os os diversos aspectos que tocan a
nosa sociedade amosando ao mesmo tempo a riqueza cultural de Galiza.
Destacar tamén o seu traballo como divulgadore dando charlas e conferecias en espazos
e festivais como o MMMadArt Madrid, a Universidade de Vigo, a MIT de Ribadavia, o
Festival Melona Fest ou o pasado ano no aniversario do Seminario de Estudos Galegos.

Tamén che pode interesar

As 7 e 7

As 7 e 7 é unha mostra que dá a coñecer as achegas que ELAS fan á arte, ao pensamento de Galiza e do mundo, a través das 7 artistas expostas no Museo Provincial de Lugo e doutras tantas creadoras emerxentes.

Comparte nas túas redes