As que contan.
As que contan.
A tradición na muller rural galega. Natureza, coidado e cultura

Dende o 07/11/2025
O vindeiro venres, 7 de novembro, ás 19:00 horas, o Refectorio do Museo Provincial de Lugo acollerá a inauguración do proxecto “As que contan. A tradición na muller rural galega. Natureza, coidado e cultura”, unha proposta pedagóxica interdisciplinar e intercentros que pon o foco nas mulleres maiores do rural galego, nas súas historias e saberes, nas que contan e fan que Galicia siga viva.
O acto será inaugurado por Iria Castro, deputada delegada da Área de Cultura da Deputación de Lugo, e contará coa participación das institucións educativas implicadas —a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Escola Oficial de Idiomas e o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes—, xunto coa Rede Museística Provincial de Lugo, entre outras persoas e entidades colaboradoras.
Unha homenaxe ás mulleres que conservan e reinventan a cultura rural
As que contan, a tradición na muller rural galega é unha homenaxe ás mulleres que conservan e reinventan a cultura do noso rural. A partir do encontro con tres creadoras —a cesteira Idoia Cuesta, a ceramista Pepa de Bonxe e a gandeira Marta Álvarez—, o alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo deu forma ás súas historias a través de contos ilustrados, pezas cerámicas, xogos e creacións audiovisuais que enlazan oficio, arte e memoria.
O proxecto, nacido no marco do Plan de Igualdade da Escola Ramón Falcón, parte da vontade dun grupo de profesoras de transcender o plano burocrático e facer da educación un motor de cambio social. Con metodoloxías baseadas na coeducación, o deseño social, o ecofeminismo e o Design Thinking, búscase visibilizar o papel das mulleres do rural galego nos eidos da arte, a artesanía e o deseño, promovendo á vez actividades interxeracionais que conecten distintas xeracións a través da educación artística. O alumnado dos distintos centros traballa conxuntamente para crear obras inspiradas en mulleres reais, aplicando os coñecementos adquiridos a un proxecto real e multidisciplinar. Este proceso, que tamén fomenta o emprendemento nas ensinanzas artísticas e fai uso das tecnoloxías de fabricación dixital que ofrece o FabLab, culmina agora coa súa exposición no marco das actividades da Rede Museística Provincial de Lugo, incorporando a perspectiva de xénero e fortalecendo a colaboración institucional.
“As que contan” é tamén unha homenaxe a esas mulleres invisibilizadas que traballaron á sombra, as que pisaron a terra e coidaron da vida, transmitindo coñecementos e valores que hoxe se reinterpretan desde a creación contemporánea.
Voces que tecen redes
En palabras de Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo,
“Fáime especialmente feliz poder sumarnos a esta rede educativa. Cando a educación, a cultura e a comunidade se atopan e colaboran para traballar polos dereitos e a igualdade, os museos cumpren verdadeiramente a súa función social”.
Como sinalan as promotoras do proxecto,
“Non se trata de contalas, senón de ofrecerlles un marco para que elas conten”.
Un exercicio de memoria, arte e compromiso social que fai da educación unha ferramenta transformadora e dos museos, espazos que coidan e que tecen redes.


