Bicentenario do Museo do Prado
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
O Museo Provincial de Lugo quere sumarse á celebración do 200 aniversario da fundación do Museo Nacional do Prado, creado polo rei Fernando VII co nome de Museo Real de Pintura e Escultura, e inaugurado o 19 de novembro de 1819, amosando as 30 obras de arte que, actualmente, están depositadas na nosa institución.
O Museo do Prado no Museo Provincial de Lugo: Bicentenario do Museo do Prado
No ano 1872, o Museo de Pintura e Escultura do convento da Trindade fusiónase co Museo Real, polo que unha enorme cantidade de obras de arte van reunirse no edificio do paseo do Prado. Este feito propiciará a iniciación dunha política de depósitos que dará lugar á dispersión de moitas destas obras de arte por diferentes entidades do Estado español.
Deste xeito, xa no ano 1887, a Deputación Provincial de Lugo vaise ver beneficiada cun lote de seis cadros, en depósito, destinados a decorar o pazo de San Marcos, que pertencían a unha serie de retratos de reis, encargados pola raíña Isabel, II a diferentes artistas da súa época.
No ano 1940, o Museo Nacional do Prado efectuou un depósito de dezaseis obras pictóricas no Museo Provincial de Lugo, a maioría das cales foran acumuladas polos reis de España constituíndo a Colección Real que, no ano, 1865 se adscribe á Coroa española para, así, evitar a súa división coas herdeiras de Fernando VII e, tres anos despois, en 1868, nacionalízase. Posteriormente, esta colección foise nutrindo con doazóns, legados e adquisicións efectuados polo Museo do Prado.
O depósito complétase con outras catorce obras depositadas nos anos 30 do século XX polo Museo Nacional de Arte Moderna, institución fundada en Madrid no ano 1894 cos fondos procedentes do Museo Nacional de Pintura e Escultura e que ao desaparecer, en 1971, repartiría as súas coleccións entre o Museo do Prado, que absorbería as obras executadas no século XIX e o Museo de Arte Contemporánea (1952), as do século XX, fondos estes últimos que lle serían adscritos, no ano 1992, ao Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía.
O 21 de xullo de 2016, ditouse unha Orde ministerial para formalizar a ordenación das coleccións estables do Museo do Prado e do Museo Raíña Sofía na que se dispuxo que se executara o Real decreto 410/1995 do 17 de marzo de repartición das coleccións estatais.
[María Quiroga Figueroa. Departamento de Belas artes do MPLugo]
Galería de obras do Prado no Museo Provincial
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
150 aniversario do nacemento de Enrique Martínez Cubells
Enrique Martínez Cubells 150 aniversario do seu nacemento . Temática: