Comeza no Museo Pazo de Tor “Museos Literarios e Territorios; Residencia Escrita no Remoto”
coa participación do poeta Mohamad Bitari

O vindeiro 1 de agosto dará comezo no Museo Pazo de Tor o proxecto Museos Literarios e Territorios – Residencia Escrita no Remoto, unha iniciativa conxunta da Área de Cultura da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial e da Fundación Uxío Novoneyra que busca promover a creación literaria contemporánea en diálogo co territorio, a memoria e o patrimonio cultural.
Nesta ocasión contaremos coa presenza do poeta, tradutor, escritor e xornalista palestino-sirio Mohamad Bitari. Nado en 1990 no campo de refuxiados palestinos de Yarmouk, Bitari posúe unha ampla traxectoria internacional que abarca os eidos da literatura, o teatro e a tradución.
Formado en Filoloxía Hispánica e Dramaturxia na Universidade de Damasco, continuou os seus estudos en Linguas Semíticas e Estudos Teatrais na Universidade de Barcelona e na Universidade Autónoma de Barcelona, onde actualmente é doutorando. En 2022 fundou a editorial Èter Edicions, especializada en traducións entre árabe, catalán e castelán.
Como dramaturgo, participou en obras como Sous la plage (2016), Síndrome de hielo (2022) ou Taha, estreada no Teatre Nacional de Catalunya en 2025. A súa actividade como tradutor abarca obras de autoras e autores como Adania Shibli, Rafael Alberti, Mercè Marçal, Miquel Martí i Pol ou Marina Garcés, entre moitas outras.
Unha vez rematada a súa estadía no Museo Pazo de Tor, Bitari continuará a residencia na sede da Fundación Uxío Novoneyra, no corazón do Courel, ata finais de agosto, afondando na súa obra e na relación co territorio.