Comeza no Museo Pazo de Tor “Museos Literarios e Territorios; Residencia Escrita no Remoto”

coa participación do poeta Mohamad Bitari

Retrato en branco e negro de Mohamad Bitari sentado nunha cadeira, mirando á cámara. Leva lentes, ten o cabelo rizado e solto, e viste un xersei escuro. A expresión do rostro é seria e reflexiva

O vindeiro 1 de agosto dará comezo no Museo Pazo de Tor o proxecto Museos Literarios e Territorios – Residencia Escrita no Remoto, unha iniciativa conxunta da Área de Cultura da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial e da Fundación Uxío Novoneyra que  busca promover a creación literaria contemporánea en diálogo co territorio, a memoria e o patrimonio cultural.

Nesta ocasión contaremos coa presenza do poeta, tradutor, escritor e xornalista palestino-sirio Mohamad Bitari. Nado en 1990 no campo de refuxiados palestinos de Yarmouk, Bitari posúe unha ampla traxectoria internacional que abarca os eidos da literatura, o teatro e a tradución.

Formado en Filoloxía Hispánica e Dramaturxia na Universidade de Damasco, continuou os seus estudos en Linguas Semíticas e Estudos Teatrais na Universidade de Barcelona e na Universidade Autónoma de Barcelona, onde actualmente é doutorando. En 2022 fundou a editorial Èter Edicions, especializada en traducións entre árabe, catalán e castelán.

Como dramaturgo, participou en obras como Sous la plage (2016), Síndrome de hielo (2022) ou Taha, estreada no Teatre Nacional de Catalunya en 2025. A súa actividade como tradutor abarca obras de autoras e autores como Adania Shibli, Rafael Alberti, Mercè Marçal, Miquel Martí i Pol ou Marina Garcés, entre moitas outras.

Unha vez rematada a súa estadía no Museo Pazo de Tor, Bitari continuará a residencia na sede da Fundación Uxío Novoneyra, no corazón do Courel, ata finais de agosto, afondando na súa obra e na relación co territorio.

Comparte nas túas redes