Conversa Territorios para a vida

presentación do libro Galiza e o decolonialismo

Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo

Cando: O 08/07/2023
De 12:00 a 13:30

Formato: Presencial

O territorio é un lugar en disputa. Dende a ordenación do territorio desenvolta na Galiza a partir da creación do Estado autonómico, tense contribuído a reforzar os binarismos que materializan fendas territoriais: solo forestal e solo agropecuario, núcleos urbanos e núcleos rurais. O territorio é cada vez máis un insumo para a especulación. A pregunta é: como podemos pensar o lugar que habitamos como espazo para a interacción de vidas, entre nós mesmas e coas especies que nos rodean; en definitiva, se pode haber territorios para a vida.

A conversa que terá lugar o sábado 8 de xullo, ás 12h no Museo Provincial de Lugo, pretende abrir un debate sobre os modos que temos de habitar Galiza, así como pensar posibles estratexias futuras onde a terra non sexa só unha mercadoría máis e se converta nun elemento central para o desenvolvemento de vidas máis dignas. Para iso contarase coa presenza do profesor da USC Emilio Carral, autor de varias obras entre as que destaca “O Pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa,” o investigador transdisciplinar Fran Quiroga, coautor e editor da obra “Galiza e o decolonialismo”, e da activista afrofeminista Vicky Campoamor, quen ten publicado “País Tierra”, un relato de afrofuturismo.

Ademais o encontro servirá para presentar a obra “Galiza e o decolonialismo”, editada pola Fundación Luis Seoane este ano e que pretende pensar como o decolonialismo atravesa os xeitos de entender ou ler Galiza, pensando na nosa posicionalidade, e coa que analizar canto de válida é ou non a idea de pobo oprimido, sendo conscientes de que habitamos no Norte de Europa, con todos os privilexios que iso implica. A obra conta coas contribucións dos profesores da Universidade de Berkeley Ramón Grosfoguel, da USC Xosé M. Núñez Seixas, Emilio Carral e Cristina Botana e da UDC Antía Pérez Caramés e Keina Espiñeira; así como dos investigadores e activistas Brigitte Vasallo, Pablo Pesado, Mafe Moscoso, Leticia Couto, Serxia Laxe, María Novas e Fernando Pérez, a curadora Agar Ledo e as artistas Mercedes Peón, Lucía Egaña e Artemisa Semedo; a obra conta tamén co deseño de Desescribir, e foi editada por Fran Quiroga.

Video

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes