Corcosendo
A memoria das costureiras da Ulloa
Temática: Identidade, memoria e territorio | Xéneros e igualdade
Onde se desenvolve: Sala de exposicións da Deputacion de Lugo
Cando: Dende o 18/05/2024
ata o 31/07/2024
Corcosendo, impulsado pola sección de Audiovisuais, Fotografía e Arquivo Fotográfico e Fonográfico do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) é un proxecto antropolóxico-artístico destinado a recuperar a memoria oral da Comarca da Ulloa, centrándose no importante papel que o oficio da costura xogou na vida das mulleres da rexión.
A través de entrevistas persoais rexistrouse a memoria das costureiras e isto inspirou a creación de diversas iniciativas artísticas e culturais. A mostra na sala de Exposicións do Pazo San Marcos comprende a instalación de máis de 30 fotografías de costureiras intervidas pola artista téxtil Verónica Ramilo, acompañadas por fragmentos textuais dos seus testemuños. A videoproxección de Xabier Mailán “As mans núas de quen nos vestiu” complementa audiovisualmente a exposición.
O proxecto inclúe “Arquitecturas da Memoria”, unha iniciativa dinamizada polo Colectivo Agrocuir, a Cooperativa Indaga e a Aula das artes da Universidade Carlos III. Esta aplicación móbil de xeolocalización permítenos explorar as rúas do centro de Lugo, revivindo a memoria oral da costura. Invítanos a deternos a escoitar as voces das súas protagonistas en puntos da cidade relacionados co oficio.
A inauguración será o dia 18 de maio e terá este programa:
12:00 Performance de Helena Salgueiro
12:15 Presentación do proxecto
12:30 – 12:45 Interpretación do tema Corconsedo de Zoelas e visita á exposición
12:45 – 13:30 Presentación da aplicación “Arquitecturas da memoria” e percorrido polas rúas de Lugo no que recuperaremos a memoria oral do oficio da costura parándonos a escoitar as voces das súas protagonistas en espazos clave da cidade vinculados con este oficio.
Para participar no roteiro por Lugo coa aplicación “Arquitecturas da Memoria”, é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico co nome completo á dirección audiovisuais.ieu@gmail.com
Proxecto impulsado pola sección de Fotografía e Audiovisuais do Instituto de Estudos Ulloáns e comisariado por Patricia Coucheiro, Sara Coello, Antía Montes e Susana Varela.