Os departamentos científicos do Museo Provincial de Lugo están dirixidos e coordinados pola súa dirección facultativa que canaliza todas as solicitudes de información técnica, os programas de investigación internos e externos, a exposición e conservación, a divulgación científica dos seus contidos, así como as prácticas académicas externas universitarias no eido museográfico-museolóxico e os plans, programas e proxectos xerais derivados do seu funcionamento diario.
Estes departamentos responden ás funcións dos museos relativas a conservación, investigación, estudo, divulgación e exhibición para facilitar e fomentar a transferencia e o intercambio de coñecementos a través do patrimonio cultural custodiado, traballando en equipo para cumprir as obrigas da normativa legal e dos plans de actuación e obxectivos establecidos.
En función dos fondos e coleccións do MPL establecéronse cadanseus departamentos distribuídos tematicamente por coleccións e/ou por disciplinas: Arqueoloxía/Historia, Belas Artes e Etnografía/Artes Decorativas. Así mesmo, os fondos bibliográficos custódianse na Biblioteca e os documentais no seu Arquivo. Finalmente, o departamento de Restauración traballa, de xeito transversal, na conservación dos bens culturais asignados.
DEPARTAMENTO DE ARQUEOLOXÍA/HISTORIA MPL.
Nun primeiro momento, as coleccións de Arqueoloxía e Historia do Museo Provincial de Lugo nutríronse fundamentalmente de doazóns, adquisicións e achados soltos, integrados para a súa clasificación, estudio e exhibición en diversas especialidades tales como epigrafía romana, heráldica, numismática, arquitectura histórica e arqueoloxía xeral. Aportacións posteriores permitiron a apertura de novas coleccións como as de lucernas, plástica provincial, sixilografía e filatelia. Ao mesmo tempo o traslado de sede do Museo ao edificio actual, en 1957, e as posteriores ampliacións do mesmo, favoreceron unha mellor exhibición dos materiais, resaltando, por exemplo, a musivaria romana, amosada na sala de plástica provincial romana (nº 7) ou a sala 28 dedicada ás lucernas antigas.
O maior volumen dos fondos museísticos xerais corresponde ao apartado arqueolóxico dado que o museo foi o tradicional receptor dos materiais de escavacións tanto da provincia, procedentes de xacementos prehistóricos, como Cova da Valiña, megalíticos caso do dolmen de Millarada, de castros como os de Cervantes, Barán e Zoñán, como, sobre todo, da propia capital, con orixe no inicio das intervencións sistemáticas do recinto amurallado a partir de mediados dos anos 80.
As pezas pétreas máis singulares atópanse dispostas no claustro románico do Museo, seccións de Epigrafía ou Heráldica. No claustro alto disponse Prehistoria e Arqueoloxía, Numismática e Medallística, destacando, pola súa importancia, tanto en número de pezas como en calidade da mesma, a sección de Ourivería antiga (Ben de Interese Cultural) na sala 8.
Todo este patrimonio arqueolóxico é estudado e catalogado neste departamento cuxo traballo revirte tamén na sociedade mediante a transferencia de coñecemento.
DEPARTAMENTO DE BELAS ARTES MPL.
A colección de obras de arte que compoñen a Sección de Belas Artes fórmase desde o mesmo momento da creación do Museo Provincial, no ano 1932, e nace coa finalidade de clasificar e conservar todo o que tiña como obxectivo que se considerase útil para o estudo da historia e da Arte, segundo dicía o II artigo do Regulamento do museo.
As primeiras obras pictóricas que se expoñen no museo proceden de depósitos do desaparecido Museo Nacional de Arte Moderna e ao longo da historia, estas colección fóronse incrementando con novos fondos procedentes de doazóns, depósitos e adquisicións. Actualmente, a exhibición estable segue contando con depósitos do Museo Nacional do Prado e do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.
Neste departamento investíganse, catalóganse e difúndense bens culturais datados entre os séculos XIV e XXI, de pintura, gravado, debuxo e escultura, a maioría galegas, e diversas coleccións de cerámica e vidro, entre as que destacan a louza de Sargadelos, o vidro de La Granja ou a louza dourada mudéxar, ademais do fondo antiguo de fotografía.
Unha parte representativa de todos estes fondos está exposta en diversas salas do museo entre as que destacamos as sete monográficas de artistas como as dedicadas aos pintores lucenses Tino Grandío, Xulia Minguillón ou Xesús Corredoira.
Finalmente, a atención a investigadores e solicitudes de información das devanditas coleccións, forma parte da súa actividade diaria xunto co estudo e catalogación.
DEPARTAMENTO DE ETNOGRAFÍA E ARTES DECORATIVAS MPL.
As coleccións deste departamento formaron parte do MPL dende a súa orixe, xa que a primeira peza rexistrada, en 1932, ano da creación da institución, é un escritorio que forma parte das coleccións deste departamento.
Os variados fondos que o integran fóronse incrementando ao longo dos anos a través de doazóns e adquisicións contribuíndo ao cumprimento das nosas funcións e así a mellorar a calidade dos servizos prestados á sociedade. Moitos atópanse expostos nos diferentes museos da Rede Museística Provincial de Lugo. Compóñense de coleccións de: obxectos litúrxicos e de devoción, xoiería, acibeches, abanos, reloxos, téxtiles, mobiliario, cerámica, xoguetes, arte africana, fotografía e ciencias naturais entre outros. A súa cronoloxía abrangue dende os séculos XII-XIII ao século XX. Entre as pezas máis antigas podemos citar un Crucificado realizado en bronce e esmalte, posiblemente de Limoges, unha cruz procesional do século XIII e unhas imaxes de Sta. Catarina e outra de San Cosme, ámbalas dúas realizadas en alabastro, en talleres ingleses nos séculos XV e XVI. A maior parte das pezas son de orixe galega, aínda que tamén forman parte das nosas colección bens culturais do resto de Europa: Inglaterra, Francia, e doutros continentes como Asia ou África.
En relación cos fondos etnográficos cabe destacar a colección fotográfica de Walter Ebeling con imaxes de lugares, xentes e modos de vida de concellos da provincia de Lugo nos anos 1928, 1929, 1933. Na exposición estable tamén destaca unha sala monográfica coa colección de arte africana Xoán Anllo.
Dende a apertura do Museo Fortaleza de San Paio de Narla, no ano 1983, trasládanse a este a maior parte dos fondos de etnografía entre os que se atopan as coleccións de oficios, útiles para o traballo da lá e do liño, apeiros de labranza, armas, enxoval, mobiliario etc.
DEPARTAMENTO DE RESTAURACIÓN MPL.
Os dous grandes bloques de actividade deste departamento serían:
– a preservación ou conservación preventiva, encamiñada a previr e retardar o deterioro, actuando no entorno do ben cultural (condicións medioambientais e lumínicas, proteccións físicas, manipulación, almacenamento, avaliación e control de pragas e outros riscos, etc…)
– a restauración, que son as accións directas sobre o ben deteriorado, co obxectivo de curar as patoloxías que o afectan e recuperar a súa integridade física para asegurar a súa correcta interpretación histórica.
BIBLIOTECA MPL
A Biblioteca do Museo Provincial de Lugo forma parte do mesmo desde a súa inauguración en xaneiro de 1934, e o que empezou sendo unha pequena colección de libros foi medrando sobre todo grazas ás doazóns ou adquisicións de pequenas bibliotecas privadas así como á política de intercambios que se establece con outros museos, centros culturais e de investigación, españois e extranxeiros que constitúen a base do seu fondo bibliográfico.
Pertence á categoría de bibliotecas especializadas, tipoloxía ésta das máis recentes xa que o seu desenvolvemento está vencellado á explosión documental e informativa de mediados do século XX. Son aquelas que recollen, tratan e difunden información relativa a un tema ou grupo de temas afíns, aquelas cuxa colección se centra en materias ou área concretas.
O acceso é libre, non se fai préstamo e o contido céntrase fundamentalmente en historia, arte, arqueoloxía e etnografía, o que a converte nun lugar axeitado non só para o persoal do centro, senón tamén para universitarios, investigadores e público en xeral que centren os seus estudos e traballo no ámbito do patrimonio cultural.
A colección está en proceso de reorganización pero segue ofrecendo os servizos de consulta e información bibliográfica en sala, por teléfono e correo electrónico, así como acceso en liña a parte dos seus fondos.
Conta tamén cunha importante sección de fondo antigo, publicacións anteriores ao ano 1959, do que mostramos o seu inventario no arquivo adxunto e que contén 1091 títulos.
Biblioteca do Museo Provincial de Lugo
Horario: L-V, 9-14:30 h
Tlfno. : 982242112
Enderezo electrónico: biblio2@museolugo.org
Arquivo do MPL
Forma parte do Museo Provincial de Lugo dende xaneiro de 1934 aínda que dende a creación da institución, en 1932, xa comeza a recibir a documentación que constituirá o xerme do futuro Arquivo, custodiando dende entón os fondos recibidos tanto en depósito, como en doazón ou compra.
Trátase dun arquivo de titularidade pública, de acceso libre, englobado na categoría de Arquivos de Institucións científicas, culturais e de investigación.
A documentación do Arquivo do MPL está constituída por fondos públicos e privados que abranguen un amplo período, dende o século XV ao XXI, posúen un alto valor no só para o estudo da historia do propio Museo, senón tamén da local, provincial, autonómica e, aínda que de xeito transversal, incluso da nacional. Na actualidade, ten unha extensión de 97 m.l. e máis de 420 unidades de instalación.
Distribúese en tres grandes fondos: o documental público, os documentais privados e o de coleccións.
O principal servizo publico realizado é a atención á consulta de investigadores posto que a documentación é de acceso público, salvo excepcións por motivos de conservación e/ou protección de datos. A consulta dos orixinais ten que levarse a cabo na sala, salvo que existise reprodución dixital, ademais pódese facer de maneira telefónica, en liña e virtual a través do software Atom no cal continuamos traballando no inventario de fondos, comezado en xuño de 2015.
SERVIZOS
* Cadro de clasificación de fondos (ver en liña)
* Consultas dos fondos (software Atom / documento informativo)