Luis Seoane

Día das Artes Galegas 2019

Autoretrato de Luis Seoane

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

A Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas 2019, que se celebra o 1 de abril, ao polifacético artista Luis Seoane. Desde o Museo Provincial de Lugo, ao tempo que nos sumamos ao recoñecemento ao ilustre personaxe, aproveitamos para convidar aos nosos visitantes a coñecer as obras de Seoane que o MPlugo expón nas súas salas ou conserva nos seus almacéns.

Obras de Seoane no MPLugo

A tal fin, quen se achegue a partir do 1 de abril ao noso museo disporá dun folleto ilustrado con información ampla e detallada elaborada polo departamento de Belas Artes.

O Museo Provincial conserva un, o nº66, dos 170 exemplares asinados e numerados do álbum ‘Insectario’, 15 gravados en madeira de Luís Seoane que editados por Tres, Catorce, Diecisiete en 1975.

As 15 xilografías que formaron parte do álbum están enmarcadas individual­mente e exhíbense como colección na Sala 24. O resto da publicación, cu­bertas e textos, consérvase na bibliote­ca do museo.

Ademais do álbum ‘Insectario’, o mu­seo posúe outras 3 obras de Seoane, unha paisaxe e dous retratos, que se conservan na área de reserva destinada aos fondos de Belas Artes.

A colección do museo é unha pequena mostra da diversa e extensa actividade creativa e profesional de Luís Seoane (Bos Aires 1910 – A Coruña 1979).

A súa inaudita capacidade de traballo levouno a explorar con éxito o terreo da pintura, o debuxo e o gravado; o muralismo, a ilustración, o deseño, a escenografía, o xornalismo, a crítica de arte, a comu­nicación (Galicia emigrante, emisións radiofónicas desde Bos Aires de 1954 a 1971…). Sen esquecer a súa achega ao mundo empresarial, sirva de exemplo a creación xunto a Isaac Díaz Pardo do Laboratorio de Formas de Galicia para potenciar o deseño editorial e industrial galego así como a refundación da Fábri­ca de Cerámica de Sargadelos e a crea­ción do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada. Seoane é considerado un dos principais artistas contemporáneos de Galicia.

Galería

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes