Día das Bibliotecas 2024

no Museo Provincial de Lugo

Día das Bibliotecas 2024

Cada 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas. Desde 2019 incorporouse o lema “Aptas para todos os públicos” para o festexo desta efeméride, que neste ano 2024 está, ademais, dedicada á premisa “Por un futuro sostible”; destacando así o papel fundamental que os diferentes tipos de bibliotecas desempeñan para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

A través das súas coleccións e servizos, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade máis igualitaria, solidaria e xusta. Neste sentido, desde o Museo Provincial de Lugo queremos poñer o noso gran de area achegando ao público unha pequena mostra das obras que se poden consultar a diario nesta institución. Posto que estamos no “ano Asorey”, xa que o escultor cambadés foi o homenaxeado no Día das Artes Galegas 2024, seleccionamos unha escolma de obras sobre este artista para que todos e todas as usuarias poidan desfrutar delas.

A biblioteca co MPL incorporou no que vai de ano un total de 261 publicacións aos seus fondos, 206 monografías e 55 publicacións periódicas, que se poden consultar aquí.

Comparte nas túas redes