Día das Letras Galegas 2025 no MPL

Cada 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas para conmemorar a data de publicación da obra que marcou o inicio do Rexurdimento da literatura galega, Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Instaurouse esta celebración no ano 1963, coincidindo co centenario da publicación da devandita obra.
Este ano, 2025, a homenaxe vai para as cantareiras, mulleres que continuaron a transmisión oral da nosa tradición, da nosa cultura popular; popular pois a súa procedencia está no pobo.
Ademais de Cantares Gallegos, outra obra clave na transmisión musical do repertorio oral é o Cancioneiro Popular Galego (7 volumes), traballo de investigación realizado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, e promovido pola Fundación Barrié de la Maza, que recolle unha amplísima colección de cancións populares do noso país, sendo esta obra a máxima achega do folclore musical de Galicia.
Dita recolleita levouse a cabo entre os anos 1978 e 1983, por trinta e oito zonas, tanto en Galicia como noutros lugares de fala galega. A riqueza, a diversidade e a particularidade das melodías, coplas, lendas e contos permitiron configurar e levar a cabo a creación deste cancioneiro.
A Real Academia Galega personifica en Adolfina e Rosa Casás Rema, Eva Castiñeira Santos e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Asunción Garrido Ameixenda a representación colectiva na que render homenaxe á poesía popular oral. As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura. Cantadoras, tocadoras e bailadoras facían fortes os vencellos comunitarios no ocio colectivo.
Esta transmisión interxeracional foi mudando co tempo. Así, no último terzo do século XX levouse a cabo por coros históricos (Cantigas da Terra, Toxos e Flores, etc.) e por asociacións culturais (Aturuxo, Xacarandaina, Donaire, Fiadeira, etc.). Nos últimos anos este labor frutificou entre a mocidade, aparecendo novas figuras da regueifa e grupos que mesturan novas músicas coas tradicionais (Baiuca, Tanxugueiras, Fillas de Casandra, etc.).
Cando a Real Academia Galega elixe ás personaxes que ían encarnar esta homenaxe, atópase cun primeiro problema, que é o carácter anónimo da transmisión popular: a maioría non eran mulleres coñecidas fóra da súa aldea e os grupos que se constituían non se axustaban a formatos fixos, por iso o labor de recollida que levaron a cabo diversas editoriais foi crucial. Finalmente, a RAG centrou a homenaxe nas mulleres que xa antes mencionamos: Adolfina e Rosa Casás Rama, cantadoras e pandereteiras con sona na súa contorna, que eran requiridas para cantar en traballos comunais e foliadas; Eva Castiñeira, a quen lle debemos varias pezas como o Valse de Agranzón, Ao pasar pola Coruña e tamén a chamada Jota de Eva, pezas que diferentes intérpretes coñecidos foron engadindo aos seus repertorios.
As Pandereteiras de Mens son cinco mulleres da comarca de Bergantiños que se tornaron visibles entre centos doutras invisibles do patrimonio oral galego, iniciando un camiño de representación musical cara o universo das pandereteiras en clave feminina cando o canon de representación da cultura musical galega sobre os palcos do folclore era eminentemente masculino.
Malia non seren as de Mens as únicas cantadoras/tocadoras de palco naquela época, si que foron practicamente as únicas visibles nos escenarios galegos antes da eclosión das cantareiras modernas que se popularizaron na entrada dos anos 80.
A década dos 80 supuxo o auxe das recollidas, da documentación, do rexistro e así comenzamos a entender que o verdadeiro patrimonio da lírica oral e musical galega estaba nestas mulleres. O mundo do folclore, pouco a pouco, volveu a vista cara as mulleres labregas, para observar que nelas residía o “saber”, e así a publicación do Cancioneiro Popular Galego supuxo a constatación máis absoluta de que isto era certo.
Blanca Pacín Somoza, Biblioteca do Museo Provincial de Lugo.