Día das Letras Galegas 2025 no MPL

Este día é unha celebración instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa creación literaria en idioma galego ou pola defensa da nosa lingua.
Cada ano dedícase a unha figura diferente, escollida pola RAG coa condición que pasasen, polo menos, dous anos desde o seu falecemento. Escolleuse a data do 17 de maio porque en tal día do ano 1863 publicouse en Vigo o primeiro exemplar da obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. O día das Letras Galegas 2026 está dedicado a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). A súa candidatura foi proposta por varias académicas, entre elas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Margarita Ledo Andión, etc. Ao igual que en 2025, a homenaxeada será una voz feminina que deixou unha forte pegada na literatura e no xornalismo. Segundo as propoñentes “trátase dunha figura cunha constante implicación en causas sociais, atenta lectora da realidade social, audaz nas súas formulacións e vibrante no debate”.
Podemos falar dunha narradora de vocación tardía, a súa primeira obra, Circe ou o pracer do azul é de 2009. A súa última publicación, Morgana en Esmelle é de 2012, foi recoñecida co Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción de 2012 da Asociación Galega de Editores e co Premio Losada Diéguez de creación literaria en 2013. Esta novela está escrita en terceira persoa e alterna varios narradores: Felipe de Amancia (o paxe de Merlín na obra de Cunqueiro), Merlín e a propia Morgana. A historia sitúa a Morgana na terra de Miranda e conecta con Bretaña, ofrecendo unha mirada feminina que resalta o papel de Viviana e Morgana fronte ás pretensións de Merlín. Na súa obra Circe ou o pracer do azul, a autora realiza unha reescritura de mitos desde unha perspectiva feminista, levando das marxes ao centro a personaxes da Odisea, coma Penélope e Circe, a dona e a amante de Ulises.
As Letras Galegas de 2026 tamén reivindican a Begoña Caamaño xornalista, unha profesional crítica, comprometida coa verdade, o rigor e a calidade. Estes valores estiveron sempre presentes na súa traxectoria; Caamaño cultivou a precisión dos datos, da escrita, a consciencia da responsabilidade do xornalismo, convencida da súa función de servizo público, tanto nos medios oficiais como nos privados.
Pódese definir como unha xornalista e escritora galega, así como unha feminista e activista política. A súa faceta comunicativa tivo os seus inicios nos servizos informativos de Radio Popular, en Vigo, e en Radio del Noroeste. Tamén en Vigo foi correspondente da Agencia de Noticias de Galicia e do diario madrileño El Sol; ademais de colaborar con A Nosa Terra, Tempo e Novas de Galiza. En 1989 incorporouse á Radio Galega onde participou en varios programas e exerceu como membro do Comité de Empresa desta emisora. Foi colaboradora habitual en diversas revistas feministas e antimilitaristas publicadas en Galicia; o seu traballo xornalístico estivo sempre acompañado dunha intensa actividade sindical, destacando pola súa firme implicación contra a manipulación informativa.
Tras o seu falecemento foron varias as homenaxes recibidas. Entre elas, destaca a creación pola Deputación da Coruña do Premio Begoña Caamaño que distingue a persoas, entidades, colectivos ou propostas artísticas comprometidas coa igualdade de xénero no ámbito da cultura. Foi o día 20 de xuño de 2025 cando a Real Academia Galega decidiu que a escritora e xornalista viguesa fose a persoa elixida para protagonizar o Día das Letras Galegas deste ano 2026, unha data de fonda pegada no noso territorio

