Día Internacional das Bibliotecas 2025

O Día Internacional das Bibliotecas conmemórase cada 24 de outubro en lembranza da destrución da Biblioteca Nacional de Saraxevo no ano 1992, durante as Guerras Iugoslavas. Esta iniciativa, xurdida en 1997, busca concienciar á sociedade sobre a importancia destas institucións como centros culturais e de encontro.
Cada ano, o Ministerio de Cultura escolle un lema para celebrar esta data, que no 2025 é “Contra a desinformación: bibliotecas”. Esta premisa fai fincapé no papel esencial que desempeñan as bibliotecas na loita contra a propagación de noticias falsas, tanto a través dos seus recursos como do traballo do seu persoal na orientación aos usuarios para atopar fontes fiables.
As características do lema son as seguintes:
-
O seu obxectivo é destacar o labor das bibliotecas fronte a desinformación e a mentira.
-
Destaca que os medios cos que as bibliotecas combaten a desinformación son as súas coleccións (libros, prensa) e a orientación do seu persoal bibliotecario.
-
Aplica esta premisa a todos os tipos de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais ou rexionais).
O papel das bibliotecas con respecto á sociedade é fundamental para garantir unha maior alfabetización e mellorar as competencias da cidadanía na diferenciación entre a información falsa e a verdadeira, obxectivo que se procura mediante a implantación de ferramentas e estratexias destinadas a combater a desinformación e a encher as canles de comunicación con contido verídico, contrastado e procedente de fontes fiables.
Así por exemplo, as bibliotecas poden compartir información fidedigna sobre calquera tema a través da realización de talleres nas súas instalacións, da difusión de contidos específicos ou da divulgación nas redes socias de datos contrastados, cun valor engadido e de calidade. Deste xeito, contribúese a desmentir as noticias falsas e impúlsase o desenvolvemento de competencias para dispor dun pensamento crítico capaz de distinguir a información dubidosa.
Un dos aspectos cruciais das bibliotecas é a súa posición ante as falacias, axudando aos seus usuarios a distinguir entre a verdade obxectiva e as noticias incertas e analizando de que xeito é posible combater os efectos e as consecuencias destas.
Así pois, a biblioteca constitúe un espazo de información veraz no que se poden consultar todo tipo de materiais. Ademais, no caso das bibliotecas especializadas, como a do Museo Provincial de Lugo, o seu labor é aínda máis significativo, xa que os contidos das publicacións científicas que custodian pasan por filtros máis exhaustivos.
Para rematar, cabe destacar que todas as bibliotecas en xeral, e as especializadas en particular, son unha ferramenta crucial para loitar contra algo tan actual e perigoso como é a desinformación globalizada, un dos grandes problemas deste século.

BPS, Biblioteca do Museo Provincial de Lugo


