Día Internacional das Mulleres Rurais 2025
15 de outubro

“O noso medio rural precisa outras mans que escriban,
mans que non pretendan rescatalo nin situalo,
senón que saiban da soidade e da sombra,
da luz e do que non se nomea.
Unha narrativa que descanse nas pegadas
de todas aquelas que romperon as alpargatas traballando en silencio,
e que seguen esperando que alguén as nomee para existir.”
— María Sánchez, Tierra de mujeres (2019, p. 42)
O 15 de outubro non é só unha data simbólica para nós. O Día Internacional das Mulleres Rurais é unha oportunidade para reafirmar o compromiso real, prolongado e visible da Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial (RMPL), coas mulleres do noso territorio. En Lugo, o rural é parte esencial da nosa identidade. As mulleres que o habitan son o motor que mantén vivas as nosas aldeas e a economía local, pero tamén son as que enfrontan a precariedade, a falta de servizos e un recoñecemento a miúdo escaso. Cando unha muller decide marchar, a aldea perde non só unha habitante, senón tamén talento, futuro e arraigamento. Por iso, o noso traballo céntrase en visibilizar a súa contribución e construír un modelo cultural inclusivo e comprometido coa xustiza social.
Proxectos de continuidade
Desde a Rede Museística Provincial, o noso compromiso tradúcese en proxectos de continuidade que espallan cultura, memoria e igualdade por toda a provincia. Dous dos máis destacados son Facedoras de Lugo e As Que Contan. Coa artista Mar Caldas, o proxecto fotográfico Facedoras de Lugo percorre a provincia retratando a forza, a creatividade e o traballo das mulleres rurais, afondando nos labores agrícolas, mariñeiros e, por primeira vez, no traballo co gando. Este traballo, que se desenvolve con entrevistas e visitas de campo, culminará cunha grande exposición en marzo de 2026. Pola súa banda, o proxecto educativo As que contan. A tradición na muller rural galega. Natureza,coidado e cultura, presentado por Carmen Porteiro, reivindica as conexións entre as mulleres, a terra e os saberes transmitidos de xeración en xeración, e a súa exposición terá lugar o vindeiro 7 de novembro no Museo Provincial de Lugo. Ademais, o 25 de outubro no Museo Pazo de Tor, celebrarase a xornada “Mocidade das/nas aldeas”, que pon o foco na mocidade rural.
Unha cultura que recoñece
No marco desta xornada, a RMPL tamén presentará avances e novas adquisicións que reforzan o noso compromiso coa arte e a memoria social. Ás 18:00h, terá lugar a presentación do catálogo da artista Ana Gil e das obras adquiridas para o proxecto museolóxico SoTERRAdas, que inclúe dúas novas pezas: A porta fechada de Ana Gil, que dialoga co silencio e as historias invisibilizadas das mulleres, e Piares de Ana Arregui, que simboliza a forza e resistencia feminina. A esa mesma hora, realizarase a entrega de pezas de co-creación no proxecto Recolectoras. Memoria Eterna, un acto de recoñecemento ás mulleres que gardan e transmiten a memoria do territorio. A xornada pecharase ás 18:30h cun concerto de Francisco Castro, un recital dedicado a todas as mulleres rurais e á emoción compartida.
Lugo, un rural coas MULLERES COMO PIARES DE VIDA
O 15 de outubro de 2025, Lugo súmase á voz global que recoñece ás mulleres rurais como semente de futuro, memoria e sostibilidade. Desde a Área de Cultura da Deputación e a Vicepresidencia, xunto coa Rede Museística Provincial, reafírmase a vontade de seguir traballando cada día para que o dereito á igualdade, á cultura e á participación sexa unha realidade efectiva en todo o territorio.
Porque sen mulleres que o sosteñan como piares, non hai mundo rural, e sen mundo rural, non hai futuro.


