Día Internacional do Conservador-Restaurador no Museo Provincial de Lugo

O 27 de xaneiro celébrase o Día Internacional do Conservador Restaurador, unha efeméride establecida en honra ao nacemento do arquitecto, teórico e restaurador parisiense Viollet Le Duc, que ten como obxectivo destacar a importancia dos conservadores-restauradores na nosa sociedade.

Estes profesionais son fundamentais para a preservación das obras patrimoniais, asegurando que o legado cultural e artístico da humanidade se manteña intacto para as xeracións futuras. O seu labor non só protexe obxectos de valor histórico, senón que tamén salvagarda a identidade cultural compartida por diversas comunidades.

Neste día, convidamos a todos a reflexionar sobre a importancia da conservación e restauración do patrimonio e a recoñecer o traballo incansable de quen se dedica a esta nobre tarefa. Desde o Museo Provincial de Lugo estendemos o noso máis sincero agradecemento a todos os conservadores-restauradores polo seu compromiso e dedicación.

Acompáñanos nesta celebración visitando a Rede Museística Provincial de Lugo e descubre máis sobre o valioso traballo que realizan estes profesionais para manter viva a nosa historia e cultura.

Imaxes dunha intervención realizada no Departamento de Restauración do Museo Provincial de Lugo sobre o gravado a linóleo de Castelao: “Cruceiros” (ca. 1918-1934):

Anverso antes da restauración: obsérvase como a obra presenta engurras de tensión.

Reverso antes da restauración: poden verse as fitas de cinta de celo que tensan o papel no soporte.

Anverso despois da intervención: mostra o resultado da eliminación das cintas e humectación do papel para relaxar as fibras celulósicas.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes