Día dos arquivos 2026: Bula concedida a unha fiel devota no arquivo do Museo Provincial de Lugo

Para celebrar o Día Internacional dos Arquivos amosamos un documento que pertence aos fondos documentais privados/familiares do AMPL, concretamente á Casa Goián que conta con 14 unidades de instalación que abranguen dende mediados do século XVI ata o XX.

O referido escrito é unha bula papal:

Bulla de la Santa Cruzada de Indulgencia plenaria concedida para las animas de los fieles difuntos por la Santidad de Inocencio Dezimo… y mandada publicar por nuestro padre Clemente Dezimo…

As bulas das cruzadas financiaron todo tipo de guerras, no só en Terra Santa; igualmente axudaron na defensa pública da cristiandade ou na extensión da fe católica; chegando a converterse nunha especie de imposto que a Igrexa pagaba ao Estado. Concedíanse por medio dunha axuda económica apoiada na indulxencia, do latín indulgentia, que significa ser indulxente; tratase dunha forma de perdón que o crente obtén en relación aos seus pecados por mediación da igrexa sendo ademais plenaria, é dicir, eliminan todo resto de pecado, limpando a alma para poder entrar directamente ao ceo.

Neste caso outórgaselle a bula a Dona María Balboa y Quiroga, viúva do Licenciado Juan Pígara y Aguiar.

…y con la misma la manda publicar nuestro muy Santo Padre Clemente Dezimo, y por quanto vos Dona Maria Balboa disteis dos reales de plata que es lo que esta tasado por el Licenciado D. Antonio de Benavides…

O dito privilexio está datado en Madrid a 10 de marzo de 1672; neses anos os donos da Casa Grande de Goián eran Diego e Cristobal de Somoza e Quiroga.

O Licenciado Pígara y Aguiar foi alcalde da xurisdición da vila de Sarria con grandes responsabilidades xudiciais e administrativas; contaba con numerosas fincas na parroquia de Goián polo que tiña moita relación coa citada casa. Á súa morte será Dona María quen se encargue dos todos os seus bens.

A documentación que se custodia no arquivo relativa a estes persoeiros fai referencia fundamentalmente a vendas de fincas, arrendos, foros, resolucións xudiciais, etc. De aí a excepcionalidade de atoparnos con esta bula.

Mª Begoña Fernández García
Departamento de Arquivo e Biblioteca do Museo Provincial de Lugo

Enlaces de interese

Comparte nas túas redes