Día Internacional da Filatelia

A colección filatélica do Museo Provincial de Lugo

O 6 de maio de 1840 o correo británico comezou a utilizar o selo postal como novo sistema para o franqueo de correspondencia. Por este motivo, nesta data celébrase o Día Internacional da Filatelia.

En conmemoración desta efeméride, xurde este texto, co obxectivo de poñer en coñecemento da comunidade a colección filatélica do Museo Provincial de Lugo (MPL). Unha extensa colección formada, a día de hoxe, por 13.909 bens.

Pero antes de nada, é conveniente facer unha breve referencia á Filatelia, á orixe desta ciencia e aos selos postais, para así introducir a colección do MPL, e á importancia de cada un destes bens como fontes documentais, dentro do Departamento de Arqueoloxía/Historia.

As publicacións consultadas coinciden en definir o vocábulo Filatelia como o estudo dos selos de correo, así como a afección e a arte de coleccionalos. Este nome, que procede do grego filein, amar, e atelés, gratuíto, franco, exento de pago, foi acuñado polo coleccionista francés George Herpin, quen propuxo, no ano 1864, na revista El coleccionista de sellos, o termo Filatelia para designar ao entón xa complexo mundo dos selos, e ao afeccionado aos selos chamouno filatélico/a e/ou filatelista (Enciclopedia Larousse, 1997, p. 2277).

Anos antes, en maio de 1840, grazas á iniciativa de Rowland Hill, comezou a circular en Gran Bretaña o primeiro selo de correos, o penique negro, coa efixie da raíña Victoria.

No noso país, o 1 de xaneiro de 1850 puxéronse en marcha os primeiros selos; catro valores foron emitidos: 6 e 12 cuartos e 5 e 10 reais, todos eles co busto de Isabel II gravado por B. Coromina. O selo de 2 reais do ano 1851 é o de máis valor filatélico de todos os selos españois. No 1872 apareceu o selo de ¼ de céntimo, que é o de menor valor emitido en todo o mundo.

En 1870 efectuouse, nos Estados Unidos, a primeira poxa de selos, namentres que o selo máis raro que existe é o de 1 céntimo da Guayana Británica, de 1856, do cal só se coñece un exemplar.

O éxito da Filatelia susténtase en dúas razóns principais. Por unha banda, a súa condición de ciencia, como estudo da historia e fiel reflexo do devir dos pobos no mundo contemporáneo; e por outra, a súa condición de arte, ao intervir grandes e recoñecidos artistas do debuxo, a pintura e o gravado na creación dos selos postais.

Por estes motivos, no primeiro Congreso Internacional de Filatelia, que tivo lugar en Barcelona no ano 1960, foi definida como “ciencia auxiliar da Historia” (Gran Enciclopedia de España, 1992, p. 4078).

Así, como se pode ver, a Filatelia, ademais da arte de coleccionar estes pequenos selos de correo por pracer, é unha ciencia que, utilizando as ferramentas da historia, permite a análise de períodos históricos en función das representacións iconográficas e de toda a importante información que cada un dos bens nos proporciona, de carácter histórico, político, económico ou socio-cultural.

Os selos de correos presentan unha serie de elementos que se deben coñecer. Algúns deles pódense ver a simple vista, e outros necesitan de ferramentas especializadas como o odontómetro, para medir o tamaño dos recortes en forma de dentes dos selos postais (Real Academia Galega, 2025), ou o filigranoscopio, recipiente de tamaño reducido e de fondo escuro onde se coloca o selo para impregnalo en gasolina pura e poder, unha vez empapado, examinar nel a filigrana (Federación Española de Sociedades Filatélicas, 2017). Visualmente, todo selo ou estampilla contén os seguintes elementos:

Imaxe 1: extraída de https://www.circuloamigosdelafilatelia.org/aprendizaje/primeros-pasos/partes-de-una-estampilla/

1.- Valor facial. Valor que figura impreso no selo, expresado na moeda do país emisor.

2.- País emisor. Todos os selos teñen que levar o nome do país emisor, agás Gran Bretaña, como privilexio por ser o país inventor do selo.

3.- Motivo. É a figura impresa no selo, que garda relación co motivo da emisión de cada selo.

4.- Lenda alusiva. Indica cal é o tema ou motivo principal do selo.

5.- Pé de imprenta. Indica quen fabrica o selo.

6.- Ano de emisión. Ano no que se emitiu o selo.

7.- Dentado. Dentes que ten un selo nos seus bordes e que aparecen ao separar os exemplares individuais do prego ao que pertencen.

8.- Liña de peche. É a separación que existe entre o motivo ou debuxo do selo e as marxes.

9.- Bandeleta. Beiras dos pregos que traen propaganda oficial, conmemorativa ou comercial.

O valor facial, o país emisor e o motivo da emisión son elementos fundamentais dun selo, polo que sen eles non podería emitirse.

Unha vez introducida a Filatelia e o seu principal obxecto de estudo, os selos postais, é momento de coñecer a colección contida no MPL. A súa orixe comezou entre os anos 2017 e 2019, cando as irmás González Moro-Zincke entregaron ao MPL unha importante colección filatélica en concepto de doazón. Polo que estes bens son os que principalmente dan forma á colección filatélica contida nesta institución.

A primeira delas tivo lugar o 27 de outubro de 2017, con número de rexistro NR2017/990 e está composta por un lote de 2.424 selos españois dos séculos XIX e XX e un selo alemán de 1926. A segunda das doazóns asinouse o día 15 de outubro de 2018 e está composta por un total de 11.396 selos e 2 timbres en papel. Esta doazón dividiuse en dúas partes, co seu correspondente número de rexistro, para facer unha diferenciación en canto ao seu contido, xa que unha delas está formada por 9.556 selos españois e 2 timbres en papel, con número de rexistro NR 2018/1021, e, a restante, por 1.840 selos estranxeiros, con número de rexistro NR 2018/1022. A diferenciación da temática dos dous álbums, selos españois e estranxeiros, motivou esta separación.

Finalmente, a terceira das doazóns ten data do 29 de xaneiro de 2019, con número de rexistro NR2019/1025, e está formado por 60 selos españois dos séculos XX e XXI; 3 etiquetas de franqueado da década dos 90 do século XX e 3 selos de Alxeria, Brasil e Gran Bretaña.

A estas doazóns hai que engadir, en datas recentes, un conxunto de 20 exemplares emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre o 11 de decembro de 1986, como homenaxe polo centenario do nacemento de Castelao, quen aparece representado no centro coa súa característica silueta de traxe negro, sombreiro, gravata de moño e anteollos. No fondo pode verse unha paisaxe rural galega na que destacan os tons verdes da vexetación e a representación de elementos arquitectónicos como a ábsida dunha igrexa románica ou un hórreo (Rede Museística Provincial de Lugo, 2025).

Ingresaron no MPL o pasado 20 de xaneiro de 2025, formando parte da colección de obras doadas por Xoán Anllo en legado testamentario, enriquecendo, aínda máis, a colección xa existente.

Cada un destes selos, a maiores da información que facilitan sobre o seu uso e sobre as súas características físicas, destacan polo interese da información que presentan.

No momento no que se popularizou e masificou o uso do selo postal, xa non só se concibiu como un medio de pago dos servizos postais, senón que se converteu nunha canle de comunicación, por medio da cal os gobernos e réximes do mundo comezaron a transmitir ideas e coñecementos que permiten difundir a súa historia e identidade.

Desde a emisión do primeiro selo postal en España, o 1 de xaneiro de 1850, atopamos gran cantidade de temáticas, con maior ou menor calidade técnica. Aínda que nun primeiro momento limitábanse a amosar as efixies dos monarcas, escudos ou motivos simbólicos, co tempo xa se pode identificar neles un discurso propagandista que transmitía os valores históricos e estéticos de cada un dos réximes políticos que se sucederon na historia contemporánea española.

Desde este primeiro momento, a rica produción filatélica española, nos 175 anos da emisión do primeiro selo, recolle numerosos personaxes, escenas históricas, costumes, eventos e demais motivos que contribúen á difusión dos principais acontecementos que tiveron lugar no noso país, e a colección contida no MPL é boa mostra disto, como amosa esta pequena selección.

 O selo máis antigo conservado no MPL é un selo de catro cuartos, do ano 1855, coa efixie de perfil da raíña Isabel II de Borbón.

Tamén podemos destacar dous selos do ano 1931, emitidos poucos días despois da proclamación da Segunda República, do día 23 de maio de 1931 coa efixie do rei Afonso XIII sobrecargado por enriba co cuño República Española.

Do ano 1937 data o primeiro selo emitido polo novo réxime franquista contido no MPL, de 15 céntimos, coa efixie da raíña Isabel a Católica.

En canto á lembranza de feitos que nos son máis recentes, no ano 2025 conmemórase o 75 cabodano de Afonso D. Rodríguez Castelao, cuestión pola que o MPL rendeu homenaxe a esta efeméride dedicada á figura deste gran persoeiro da cultura galega (Rede Museística Provincial de Lugo, 2025).

selo de correos de España cun valor de 32 pesetas, emitido en homenaxe a Castelao en 1986. O selo presenta unha ilustración estilizada de Castelao, vestindo un traxe negro con paxarela, chapeu e lentes redondas, sostendo un libro na súa man esquerda. O fondo representa unha paisaxe rural con casas tradicionais, un camiño e un par de vacas pastando. Na parte inferior do selo, pódense ler as palabras "HOMENAXE A CASTELAO" e "ESPAÑA".

De 1976 destacan unha serie de selos conmemorativos do Bimilenario da cidade de Lugo de 1 peseta, que amosa un fragmento do mosaico de Batitales que representa a cabeza de Océanos, rodeada de figuras animais e debuxos xeométricos; de 3 pesetas, onde se poden ver uns fragmentos da muralla romana e, ao fondo, unha panorámica da cidade sobre a que destacan as torres da catedral; e de 7 pesetas, que reproduce un as de bronce, acuñado en Lugo, en homenaxe ao emperador Augusto, que aparece no anverso; e no reverso, a caetra ou escudo militar, atravesado por dúas lanzas, levando a un lado a falcata ou espada e ao outro un puñal, armas propias dos cántabros e galaicos (Federación Española de Sociedades Filatélicas, 2025).

Pola súa singularidade e beleza, destacan unha serie de selos do ano 1980, con motivos do Tapiz da Creación da Catedral de Xirona, do século XI, peza única e excepcional só comparable ao Tapiz de Bayeux, que trata escenas da creación, de cores intensos.

Entre os acontecementos máis recentes, que marcaron a historia contemporánea española, atópanse o Mundial de Fútbol de 1982 ou a Exposición Universal de Sevilla de 1993, de grande repercusión internacional.

Polo tanto, esta colección filatélica pasou a formar parte dos bens que dan forma á Sección de Arqueoloxía/Historia do MPL xunto ás pezas numismáticas, entre outras. Neste sentido, para rematar, resulta interesante establecer paralelismos entre as ciencias da Numismática, Filatelia e Arqueoloxía que fundamentan a inclusión destes bens, doados ao MPL, no mesmo departamento.

A Numismática é unha ciencia que se centra no estudo e na conservación de moedas e medallas, explorando a historia, valor e contexto cultural na que foron emitidas. Por outro lado, a Filatelia ocúpase do estudo dos selos postais que foron reflexo da historia, a política e a cultura dun país.

Tanto os selos como as moedas son obxectos que reflicten a historia, a economía e a cultura de diferentes épocas e lugares. Ambas disciplinas utilizan técnicas similares para autenticar, catalogar e conservar esas tipoloxías de bens significativos que xogaron roles importantes na historia, nas comunicacións e no comercio.

Por isto, no MPL, a gran cantidade de selos, moedas e medallas, de gran valor histórico, custódianse no Departamento de Arqueoloxía/Historia. Un traballo de inventariado filatélico realizado recentemente deu continuidade ao ordenamento desta colección do MPL.

Javier Fernández Brage,

Bolseiro da Xunta de Galicia no Departamento de Arqueoloxía/Historia do MPL.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes