Día Mundial das Cidades 2024

A cidade de Lugo nas coleccións do Museo Provincial de Lugo

En 2013 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 31 de outubro como Día mundial das cidades co fin de promover o desenvolvemento urbano sostible; obxectivo que tamén se recolle no ODS 11, “Cidades e comunidades sostibles”. Desde o Museo Provincial de Lugo queremos conmemorar esta efeméride mostrando a evolución da nosa cidade a través das coleccións do museo.

No Arquivo do MPL custódiase un plano de Lugo, datado ca. 1812, no que se evidencia como a cidade estaba escasamente urbanizada a comezos do s. XIX. Destacan nel a catedral, en torno á que se erixen boa parte das edificacións, os antigos conventos de San Francisco e San Domingos e, por suposto, a muralla romana.

           Plano topográfico da cidade de Lugo. Pedro Menchaca e Saturnino Castilla. Ca. 1812. Arquivo do MPL

Este monumento, Patrimonio da Humanidade e emblema de Lugo por excelencia, foi inmortalizado por Peter Schneider nunha serie de fotografías que se conservan nos fondos museo; así como en obras de artistas como Maruja Mallo ou Manuel Colmeiro. Mentres que a primeira plasmou a súa visión da Mosqueira na Guía postal de Lugo, o segundo pintou unha Vista de Lugo con muralla que pon de manifesto que, en 1934, a cidade seguía a presentar un escaso desenvolvemento urbano extra muros.

Detalle da Guía postal de Lugo. Maruja Mallo. 1929. Sala 14 do MPL

Vista actual da Mosqueira

Vista de Lugo con muralla. Manuel Colmeiro. 1934 Sala 14 do MPL

Máis próxima á actualidade é a Paisaxe urbana de Lugo de Julio Quesada, que mostra unha perspectiva da cidade desde a cima da muralla, coa catedral de fondo. A arquitectura é a protagonista da composición, tanto no seu compoñente monumental como polo seu carácter cotián, que se reflicte nas figuras humanas representadas no adarve. Ao igual que a día de hoxe, tamén daquela a muralla era un lugar de ocio e paseo para lucenses e visitantes; mais cabe pensar que, de pintar a mesma estampa actualmente, seguramente o artista incluiría nela o mural de arte urbana realizado por Manuel Pallín no que se representa a unha muller castrexa.

Paisaxe urbana de Lugo. Julio Quesada. 1984

Vista da catedral e muralla de Lugo na actualidade.

Outro lugar característico de Lugo que conta con representación no museo é a Praza do Campo, famosa polos seus soportais e a fonte coa imaxe de San Vicente. Así a inmortalizou Julio Prieto Nespereira nun gravado de 1944, presentándonos un espazo propicio para a reunión a través das dúas mulleres que conversan a carón da fonte, á que acoden para recoller auga. Aínda que actualmente o manancial xa non se emprega para o subministro doméstico, a praza segue a ser, igualmente, espazo de socialización e punto de encontro dos e das lucenses.

Praza do Campo (Lugo). Julio Prieto Nespereira. 1944. Sala 26 do MPL.

Vista actual da Praza do Campo

Tamén é lugar de reunión e de ocio a Praza Maior, na que destaca a casa consistorial barroca proxectada por Lucas Ferro Caaveiro no segundo terzo do s. XVIII. Trátase da praza principal da cidade e, como tal, evolucionou á par desta. No MPL consérvanse varias fotografías orixinais de Salvador Castro Freire e un gravado de Manuel Castro Gil que mostran a fisionomía que este espazo presentaba a finais do s. XIX. Neles pode verse o desaparecido campanario da torre do concello, a coñecida como Fonte dos leóns que se situaba fronte a este e o pavimento de cantos rodados con bandas de granito que cubría a praza.

A fonte, protagonista tanto no gravado como nas fotografías, fora deseñada por Marcelo Sánchez Movillán e instalada na praza en 1861. Constaba dun conxunto escultórico conformado por unha figura feminina acompañada dun león, situada na parte superior do monumento, e outros catro leóns por cuxa boca saía a auga, modelados por Paciano Guitart e fundidos na Real Fábrica de Sargadelos. Esta obra permaneceu na praza pouco máis de 50 anos, posto que foi retirada, ao igual que o pavimento, para a creación dun xardín no ano 1914. Foi trasladada para a Praza de Avilés da cidade, onde se pode ver a día de hoxe.

Praza Maior de Lugo. Manuel Castro Gil Sala 27 do M

Fonte dos leóns da Praza da Constitución. Salvador Castro Freire. Ca.1890. Arquivo fotográfico do MPL

Vista actual da Praza Maior

Malia que, como vimos, a arquitectura é o elemento predominante nas representacións de Lugo, tamén as crenzas e os costumes lucenses tiveron espazo na arte. Así pois, San Froilán, advocación das festas principais da cidade, foi representado por Maruja Mallo na Guía Postal de Lugo; mentres que Tino Grandío pintou a Virxe dos Ollos Grandes, patroa de Lugo, inspirándose na emblemática escultura da virxe que se atopa na catedral.

Detalle da Guía postal de Lugo. Maruja Mallo. 1929. Sala 14 do MPL

Virxe dos Ollos Grandes. Tino Grandío. 1953. Escaleiras principais do MPL

E non podemos esquecer, por último, que o propio edificio do Museo Provincial de Lugo é tamén testemuña e protagonista da historia da cidade. Concibido como convento franciscano, do que se conservan o claustro medieval e a cociña e refectorio barrocos, pasou a ser Casa de Beneficencia e Maternidade trala desamortización ata, finalmente, converterse en sede do museo nos anos 50 do pasado século. Nel consérvase a memoria patrimonial lucense e, ademais, os seus muros dan bo exemplo da evolución arquitectónica e artística de Lugo a través dos séculos.

Antigo convento de San Francisco na primeira metade do s. XX. Arquivo fotográfico do MPL

Actual fachada do Museo Provincial de Lugo

Dirección e Negociado de Coleccións

VGS

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes