Mosaico

Obra de Alberto Pena

Esta proposta forma parte de: 

Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo

Cando: Dende o 15/06/2023

Formato: Presencial

‘Mosaico’ presenta unha nova serie de obras do universo que Alberto Pena foi construíndo e descubrindo con cada unha das súas últimas exposicións. As pezas que conforman esta mostra divídense en dous grupos diferenciados, un con trazos máis facilmente identificables, que se inclina cara á figuración, e outro cheo de abstraccións florecentes. Os dous grupos presentados estan conectados, ademáis de pola técnica e a estética do artista, polas súas propias reflexións sobre as antigas prácticas de meditación, que fomentan a autoexploración como medio para descubrir a interconexión do corpo, a mente e o mundo, como el mesmo afirma. Se as visións caleidoscópicas das obras proveñen dun proceso deste tipo, o estado de equilibrio e harmonía que nos revela Alberto, rompe coa noción convencional de tranquilidade e serenidade que adoita asociarse á meditación, pola contra, atopámonos ante fragmentos de caos apenas contido.

Case todas as obras conteñen a estética da instantánea, nos seus marcos brancos redondeados. As pezas recordan aos vellos formatos de papel fotográfico, ou polo contrario, ás novas pantallas dos smartphones, segundo o momento que o espectador estea disposto a recordar. Esto outórgalle a cada elemento a perspectiva de independencia, de ser autónomo, aparte do conxunto dentro do cal foi creado. Poden establecerse paralelismos coas propias reflexións do artista sobre os seres humanos e a natureza. Quizáis tamén, coa ansiedade colectiva sobre o que o individualismo radical contemporáneo provoca nesta relación. Esta interconexión inevitable que testemuñamos nestas obras, podería ser un sinal meditativo que nos recordara que, formar parte de algo, conleva participar no caos dende o momento en que involucramos o noso propio ser.

A maiores da figuración dispersa, presente sobre todo, en contornos de pintura aplicada sobre obxectos atopados, as imaxes das obras poden describirse principalmente como micro e macro topografías. Xogando coa sensación de escala do espectador, característica das obras de Alberto, esta serie está dividida en mosaicos. Así, a xa estraña sensación de familiaridade incerta coas paisaxes abstractas, vólvese agora fracturada. Con todo, non se trata dunha fractura accidental ou orgánica, ao contrario, non é unha fractura natural en absoluto, é unha división calculada e sistemática. É difícil evitar pensar nesta división como o produto da racionalización cartesiana, tan profundamente arraigada na psique occidental. Os sistemas que empregamos para subdividir e organizar a natureza, nos intentos de comprendela, conectan visualmente co razoamento arredor das fronteiras xeradas polo ser humano, dando lugar á visión dunha imaxe orgánica dividida por unha liña recta. Identificar os erros dos homes que, non hai moito tempo, trazaron liñas rectas de conveniencia a través de continentes enteiros, ignorando características xeográficas, etnográficas e culturais, é un paso máis cara á reavaliación das verdades categóricas. Incluso podería achegarnos a unha comprensión de nós mesmos, dos demáis e da natureza, a través de termos máis flexibles.

O autor ten varias influencias artísticas. Os mosaicos romanos e a arte xaponesa do kintsugi, contribúen ao esquema organizativo das obras, como conxuntos fragmentados, mentres que, o expresionismo abstracto aporta o proceso creativo e o ritmo compositivo. O sentido de contemplación e tranquilidade que se atopa nas pinturas de paisaxes taoístas, contrasta cos xestos que fan referencia á arte prehistórica e á súa enerxía primordial, á expresión crúa e á transferencia literal de obxectos a imaxes. As superficies densamente estratificadas son o resultado dun proceso artístico semellante ao dun coleccionista. Elementos naturais descubertos durante paseos, son elevados a unha significación simbólica no estudio do artista. Siluetas de pedras, cunchas, raíces, follas e outros materiais orgánicos, depositados e impresos na superficie con aerosol acrílico, só deixan entrever os fondos pictóricos, creando a vitalidade orgánica central para o impacto visual das obras.

Elena Bangueses

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes