Eduardo Rodríguez Osorio
100 anos do seu nacemento
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Eduardo Rodríguez Osorio (Esmeriz, Chantada 5 de marzo de 1920 – Madrid 25 de febreiro de 1995) pertencía a unha familia humilde e numerosa dedicada á carpintería e á ebanistería. Iniciouse no traballo da madeira xunto aos seus irmáns, no taller familiar onde moi pronto deu mostras do seu talento e habilidades artísticas. Aos 18 anos marcha a Santiago de Compostela e na Escola de Artes e Oficios comeza a súa etapa de tránsito do ámbito artesán cara o artístico. En Santiago terá ocasión de coñecer entre outros ao escultor Francisco Asorey.
En 1942 recibe unha pensión da Deputación de Lugo que lle permite trasladarse a Madrid e, tras superar o esixente exame de debuxo de ingreso, iniciar en 1943 os estudos na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. Na capital establecerá amizade con outro lucense, o gravador Manuel Castro Gil.
Durante a súa etapa madrileña e aínda que o seu principal interese fose o modelado e a talla, Osorio tamén chega a destacar en debuxo, que será un elemento fundamental da súa obra escultórica.
Finalizados os estudos en Madrid trasládase a Sevilla para ampliar a súa formación cos cursos de imaxinería relixiosa na Escola Superior de Belas Artes de Santa Isabel de Hungría, que lle dan a oportunidade de profundar no coñecemento das técnicas tradicionais para a elaboración de esculturas en madeira policromada.
De novo volve contar co apoio da Deputación de Lugo, que en 1952 lle concede unha subvención extraordinaria que lle facilita viaxar a París para completar os seus estudos e ademais visitar algunhas cidades centroeuropeas. Durante este tempo aproxímase á obra de grandes escultores, como os franceses Auguste Rodin e Antoine Bourdell.
Ao longo da súa vida profesional, Osorio compaxinou a súa actividade artística de escultor coa docente como profesor de debuxo nos institutos de ensino medio de Ribadeo, Betanzos, Ávila e finalmente Madrid, no Instituto Cardenal Cisneros no que se xubilou como catedrático de debuxo.
Rodríguez Osorio é esencialmente un escultor figurativo e realista. Destaca a súa intensa dedicación ao xénero do retrato, como demostran as súas abundantes cabezas, bustos e figuras de corpo enteiro de diversos personaxes, pero tamén son significativas as súas esculturas de animais, as maternidades e as pezas relacionadas con costumes e tradicións que evidencian a permanente presenza de Galicia na súa obra.
En canto á súa técnica, nos retratos adoita predominar o modelado en arxila do que máis tarde obtén pezas en bronce. Para outras obras utiliza con frecuencia a talla directa en madeira, material que coñece ben e manexa con dominio, e tamén, ás veces, pedra.
Entre os máis de cen personaxes retratados atópanse Camilo José Cela, José María Rodero, Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, Amando Suárez Couto, Dionisio Gamallo Fierros, Celso Emilio Ferreiro, José Filgueira Valverde…
Unha importante faceta da súa produción ocúpaa a escultura pública. En Galicia temos varios exemplos: Arsenio Iglesias e Ao can guía, na Coruña, Escritor Eugenio Montes, en Bande, Ourense, ou o busto do poeta Celso Emilio Ferreiro, en Vigo, Pontevedra.
Outros dos seus ben coñecidos monumentos son os dedicados a Félix Rodríguez de la Fuente, en Santa Pola, Alacante e en Poza de la Sal, Burgos; á Cabra Hispánica, na Serra de Gredos, Ávila, ou a escultura Ao emigrante, en Navalcán, Toledo.
En Lugo expuxo polo menos en dúas ocasións: na Sala do Palacio Provincial de San Marcos, Deputación de Lugo, en 1984 e no Museo Provincial en 1996, apenas un ano despois da súa morte.
Lugo tamén premiou as súas obras en varias oportunidades: Primeiro Premio de Escultura na Exposición de Educación e Descanso (1949), Primeiro Premio de Escultura no I Certame Nacional de Artes Plásticas (1962), Segundo Premio de Escultura no I Certame de Artes Plásticas (1993) e o Primeiro Premio de Escultura Ciudad de Lugo (1995).
Rodríguez Osorio está representado no Museo Provincial sobre todo como retratista. Consérvase unha colección de oito cabezas, retratos de varios personaxes entre eles Álvaro Gil Varela, importante benefactor do museo, Manuel Vázquez Seijas, que foi cofundador e director do museo, Antonio Bonet Correa, historiador de arte e presidente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, e o gravador Manuel Castro Gil, de quen temos a peza orixinal en arxila modelada e cocida e o baleirado da mesma en bronce. Ademais dos retratos, o museo tamén garda unha réplica da escultura Cabra Hispánica, actualmente depositada no Pazo de Tor, a peza titulada Muller sentada e un exemplar en bronce da obra Galicia, que representa simbolicamente as provincias galegas.
A colección complétase con dous debuxos de estudo ou preparatorios.
LY/Departamento de Belas Artes
Galería
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
O Museo Provincial de Lugo lembra ao pintor Tino Grandío cando se cumpren 100 anos do seu nacemento
Tino Grandío 100 anos do seu nacemento. Temática: Belas Artes