“Arte, memoria e museos”

Encontro

Cartel do 'Encontro Arte, Memoria e Museos no Museo Provincial de Lugo'. Data: Xoves, 30 de outubro de 2025. Inclúe a lista de entidades que patrocinan, organizan e colaboran (Deputación de Lugo, Xunta de Galicia, Museo Provincial de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela - USC, Universidade Complutense de Madrid, Ministerio de Cultura, Concello de Pontevedra, etc.

Galicia foi o primeiro territorio de España onde se levou a cabo unha musealización da memoria e produciuse no Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, declarado BIC o pasado 26 de setembro de 2025. Esta institución reconstruía un discurso ausente entre as dúas Galicias que foran fragmentadas, a exiliada e a do interior. A reconciliación discursiva que aquí se facía a comezos dos anos 70 xa anunciaba un cambio cara a democratización social e cultural, especialmente porque os museos de Galicia acolleron as coleccións da diáspora.

Esta situación ocasionou a re-configuración dun mapa museístico nas dúas últimas décadas do século XX – ampliándose fondos artísticos e creándose novos museos – que chega ata a actualidade, e que deu lugar a unha situación insólita, pois dificilmente se pode atopar tal alto impacto noutras zonas de España.

Non obstante, co paso dos anos Galicia non recibiu ese recoñecemento que merece na musealización da memoria, non se valorou desde esta perspectiva conxunta, quizais por mor da falta de liñas estratéxicas e plans de actuación. Aínda así, a estrutura museística que se intercala no territorio – e que de forma progresiva foi rescatando figuras e legados – é incuestionable e este panorama institucional outórgalle a Galicia un liderado na musealización da memoria. Dita hexemonía convértea no lugar por excelencia desde onde reflexionar e idear plans estratéxicos e liñas futuras de actuación que marquen o rumbo dos museos e a memoria.

Así pois, no marco da citada declaración BIC do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, e lembrando a Isaac Díaz Pardo a quen se lle dedica o Día das Artes Galegas este ano, organizamos este encontro seguindo o ronsel da xornada A arte do exilio galego no Museo Provincial de Lugo, realizada no 2023, da que reiteramos os obxectivos:

  • Lembrar os nomes dos artistas que forzosamente marcharon ao exilio. · Re-coñecer a súa produción creativa constatando a influencia do exilio nas obras.
  • Estudar os contextos: antecedentes, feitos e consecuencias, para valorar o impacto desa diáspora tanto na patria abandonada como nos países de acollida.
  • Divulgar e transferir o coñecemento desta parte da nosa historia para recuperar obxectivamente a súa memoria de xeito colectivo, pero vendo a especificidade galega e os fondos do Museo Provincial de Lugo en concreto.
  • Incentivar o papel dos museos galegos na reconstrución do relato tradicional creando pontes de comunicación internas e coa diáspora para traballar e dialogar cos conceptos de arte, memoria e museos aplicados, sobre todo, ao exilio.

Finalmente, cabe destacar que este encontro coincidirá coa exposición temporal “Os homes, por Castelao na colección Roberto Taboada”, realizada polo Museo Provincial de Lugo en colaboración co Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira por mor da declaración do 2025 como Ano Castelao, que tamén contribúe a difundir a obra do persoeiro que encarna por excelencia a idiosincrasia do exilio galego.

Dirección e Coordinación: Aurelia Balseiro García e Inmaculada Real López.

Secretaría técnica: Victoria García Soengas.

Inscrición previa por rigorosa orde de entrada. Prazas ata completar a capacidade da sala.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes