Iria Castro e Encarna Lago presentan o “Encontro de Saberes: Gastronomía desde o prisma da RMPL: patrimonio, sociedade e paisaxe cultural”

A iniciativa Cultura que dá luz. Encontros de Saberes Compartidos acollerá unha nova cita centrada na gastronomía como elemento clave de identidade, sociedade e territorio. O evento foi presentado por Iria Castro, deputada delegada da Área de Cultura e Encarna Lago, coordinadora da actividade e xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL).
O programa, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a RMPL, propón un espazo de reflexión e diálogo arredor do papel da gastronomía como patrimonio cultural vivo. A través de diferentes encontros, analizarase como a alimentación constrúe identidade colectiva, revela estruturas sociais e desigualdades e está profundamente ligada ao territorio e á paisaxe cultural.
Baixo esta perspectiva, a comida convértese nun vehículo para interpretar a historia social dun territorio, poñendo en valor tanto o coñecemento tradicional como as prácticas contemporáneas.
As xornadas desenvolveranse en distintos espazos da RMPL, con actividades que inclúen mesas redondas, relatorios, showcookings e dinámicas participativas abertas ao público. Ademais, contarase coa participación de profesionais do ámbito gastronómico, académico e cultural, favorecendo o intercambio de saberes entre diferentes ámbitos.
Para realizar a inscrición, que é obrigatoria tanto para asistir ás xornadas como para facer uso do servizo de bus gratuíto desde Lugo, cómpre enviar un correo electrónico a concertacionsrmp@gmail.com. Dado que as prazas son limitadas, recoméndase facelo con antelación, tendo a flexibilidade de anotarse ao programa completo de dous días ou, se se prefire, a unha única xornada de xeito individual.
PROGRAMA COMPLETO
ENCONTRO I: As mans invisiblesA muller na construción da identidade gastronómica
- Data e Horario: Martes, 7 de abril, das 15:00 ás 20:00 h.
- Localización: Museo Fortaleza San Paio de Narla (Xiá, Friol).
- Eixo Conceptual:
Historicamente, a muller ocupou un papel secundario no recoñecemento público da gastronomía, malia ser a verdadeira gardiá da tradición culinaria e produtiva. Hoxe en día, nun contexto de alta visibilidade mediática onde o recoñecemento adoita recaer en figuras masculinas, a muller continúa a ser o motor principal de toda a cadea de valor. As estancias da Fortaleza de Narla, a súa lareira e o seu forno, serven de escenario para conectar coa memoria dun traballo esencial que foi mantido no anonimato e que hoxe reivindica un cambio de narrativa.
Desenvolvemento
1ª Parte: Cociña aberta con Lucía Freitas (A Tafona), cun showcooking e degustación de receitas históricas recuperadas dos arquivos da RMPL.
2ª Parte: Mesa de debate moderada por Encarna Lago coa participación de Lucía Freitas, Montse Castiñeira, Chelo López, Ángeles Romero, Eva Cabanelas e participantes do Programa de Arte e Benestar.
Eixes de debate: Invisibilización histórica, economía do coidado, liderado feminino actual, soberanía alimentaria e a creatividade nos recetarios silenciados.
Actividade final: Dinámica participativa para recoller testemuñas orais e receitas tradicionais transmitidas por mulleres.
ENCONTRO II: Desigualdade e memoriaA comida como marcador de clase social ao longo da historia
- Data e Horario: Mércores, 8 de abril, das 10:00 ás 15:00 h.
- Localización: Pazo Museo de Tor (Monforte de Lemos).
- Eixo Conceptual:
A alimentación funciona como un espello das desigualdades sociais; o que se comía e como se comía marcaba a posición social, o poder económico e o acceso aos recursos. O Pazo de Tor convértese nun escenario simbólico que dialoga coa idea do privilexio alimentario e as relacións de poder. O encontro explora as estruturas económicas e a división social do traballo, contrastando o mundo da nobreza coa subsistencia popular e analizando como os fluxos migratorios transformaron a nosa cultura alimentaria.
Desenvolvemento
1ª Parte: Mesa redonda moderada por Leonardo Casado, con Xavier Castro, Miguel Vila Pernas, Rocío Carregal, Marcos Arufe, Begoña Vázquez, Esther Teixeiro, Xosé Figueroa e Ángeles Rivada.
Eixes de debate: A dieta da nobreza e dos pazos fronte á campesiña, a alimentación en conventos, a pegada da inmigración e o camiño cara á democratización alimentaria.
2ª Parte : “Tres mesas, tres mundos”: Showcooking-degustación que recrea tres realidades sociais: a mesa pacega (carne de caza, viño, especias), a mesa popular rural (caldo, centeo, pataca) e a mesa da inmigración (millo, azucre, café).
Actividade final: Recollida de lembranzas de comidas da infancia e produtos de celebración do público asistente.


