ESTRATEXIAS DE MUSEOLOXÍA SOCIAL 2025

Un ano máis, desde a Rede Museística Provincial de Lugo abrimos o noso espazo de conversas iberoamericanas, un foro de reflexión colectiva arredor dos retos da museoloxía social. Nesta edición de 2025, tomamos como punto de partida o lema do Día Internacional dos Museos: O futuro dos museos en comunidades en constante cambio. O Consello Internacional de Museos (ICOM) convídanos a repensar o papel das nosas institucións como espazos de conexión, identidade cultural e participación activa nun contexto global atravesado por múltiples desafíos para a diversidade.

Desde a Rede, cruzamos este marco internacional coa nosa propia liña de traballo no territorio, centrada nos retos sociais da museoloxía en relación coa interculturalidade: Como poden as institucións culturais convertirse en espazos reais de acollida, representación e diálogo? Que estratexias e metodoloxías estamos a poñer en marcha para ceder espazo ás voces e corpos das comunidades migrantes e racializadas? De que maneira podemos contribuír, desde a cultura, á construción dunha sociedade máis inclusiva?

A proposta estrutúrase en tres eixos complementarios: un ciclo de conversas en liña durante o mes de maio, un espazo virtual de aprendizaxe aberto durante todo o ano e un obradoiro presencial previsto para o outono. Tres momentos para aprender compartindo e seguir construíndo, de forma colaborativa, unha museoloxía crítica, inclusiva e comprometida coa diversidade.

Ciclo de conversas | Comunidades en constante cambio: diálogo intercultural e diversidade

O ciclo de conversas desenvolveuse todos os martes de maio de 2025. Cada sesión reuniu dúas profesionais de referencia do ámbito iberoamericano e combinou unha exposición inicial cun espazo de diálogo aberto coas persoas participantes conectadas en directo.

As gravacións e materiais compartidos na plataforma formativa durante o ciclo están agora dispoñibles en aberto. Podes atopalos un pouco máis abaixo nesta mesma web.

Deste xeito, podes acceder a un conxunto de ferramentas, experiencias e propostas vinculadas á diversidade e ao diálogo intercultural no ámbito museístico. A través das ligazóns que compartimos, permanecen abertos distintos espazos dixitais desde os que seguir explorando e compartindo prácticas inspiradoras, tecendo redes de aprendizaxe colectiva e reforzando o papel da cultura como motor de transformación social.

Cartel de Estratexias de Museoloxías Social 2025. O fondo é dun ceo en violetas. Mostra o lema deste ano: Comunidades en constante cambio: diálogo intercultural e diversidade. Xunto aos logotipos da Rede, da Deputación de Lugo e de BenCuriosa.


.


.


.


.

Ola 👋
Un pracer coñecerte.

Rexístrate ao noso boletín para recibir contido xenial na túa caixa de entrada, cada mes.

Non enviamos spam! Le a nosa política de privacidade para máis información.