Un ano máis, desde a Rede Museística Provincial de Lugo abrimos o noso espazo de conversas iberoamericanas, un foro de reflexión colectiva arredor dos retos actuais da museoloxía social. Nesta edición de 2026, baixo o título “Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir”, propoñémonos explorar o papel dos museos e das institucións culturais como espazos capaces de contribuír ao benestar individual e colectivo, á construción de vínculos e á mellora da vida en común.
Partimos dun contexto internacional no que a relación entre cultura, saúde e benestar está a adquirir unha relevancia crecente, apoiada por evidencias científicas, novas políticas públicas e experiencias que conectan prácticas culturais, coidados e cohesión comunitaria. Desde a Rede, cruzamos este marco coa nosa propia traxectoria de traballo no territorio, entendendo os museos como infraestruturas sociais, espazos de acollida, participación e construción de sentido compartido.
Esta relevancia internacional vese ademais reforzada polo respaldo de SOMUS-IC, o Comité Internacional para a Museoloxía Social de ICOM, unha rede comprometida co avance dunha museoloxía ao servizo da cidadanía, os dereitos humanos e a dignidade das comunidades. O seu apoio sitúa esta edición dentro dun marco internacional de reflexión, investigación e acción arredor da función social dos museos.
.
Aprender desde a práctica, en comunidade
Ao longo desta edición preguntarémonos: Como podemos os museos contribuír ao bo vivir das comunidades? De que maneira estamos a poder fortalecer a saúde comunitaria, a cultura de paz e os dereitos culturais? Que metodoloxías e prácticas están a activar distintos museos e axentes culturais para responder aos desafíos do noso tempo desde o coidado, a mediación e a acción colectiva?
Poremos o foco en experiencias prácticas reais que xa se están a desenvolver en museos e institucións culturais de Iberoamérica. O punto de partida das conversas serán iniciativas que xa están a funcionar, os aprendizaxes que xeran e os retos que atopan os equipos que están a traballar no terreo arredor do benestar, da saúde, da paz e do bo vivir.
A proposta estrutúrase en tres eixos complementarios: un ciclo de conversas en liña, un espazo dixital para compartir recursos e experiencias inspiradoras e unha divulgación final das conclusións colectivas, que poña en valor o impacto nas persoas do noso traballo.
Tres pasos para aprender compartindo experiencias reais, conectar con profesionais de distintos territorios e seguir construíndo unha museoloxía social comprometida coa vida, o benestar e a transformación social das nosas comunidades.
Ciclo de conversas | Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir
O ciclo de conversas desenvolverase os mércores 13 e 20 de maio e posteriormente o 03 e 10 de xuño, en horario de 17h a 18h30 (horario de verán en Lugo: CEST / UTC +2, podes comprobar a correspondencia no teu fuso horario aquí).
Cada sesión contará coa participación de dúas profesionais de referencia do ámbito iberoamericano, vinculadas á dirección, á mediación, á educación e ás áreas estratéxicas dos seus museos, co obxectivo de compartir apostas institucionais reais e integrais que xa están a contribuír ao benestar, á convivencia e á transformación social desde a práctica museística.
Cada sesión incluirá unha primeira parte expositiva, seguida dun espazo de conversa aberta coas persoas participantes conectadas en directo. As sesións serán gravadas e estarán dispoñibles para a súa consulta posterior polas persoas inscritas que non poidan asistir en directo, xunto con materiais complementarios, recursos compartidos e referencias para afondar nos temas abordados.
Para acceder a todos os contidos e aos enlaces das conversas habilitarase un espazo dixital de aprendizaxe e intercambio, que funcionará como repositorio de experiencias, testemuños e propostas vinculadas á saúde, ao benestar, á cultura de paz e ao bo vivir nos museos.










Banco de experiencias iberoamericano | Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir
Este ano queremos tamén poñer no centro as persoas que dan sentido ao traballo nos nosos museos.
Por iso convidámosvos a compartir testemuños de participantes en actividades, proxectos ou procesos que para vós sexan especialmente significativos arredor da saúde, o benestar, a cultura de paz e o bo vivir.
Interésanos escoitar a voz de quen atopa no museo un espazo de encontro, de aprendizaxe, de coidado, de pertenza ou de transformación. Pequenas frases, impresións ou testemuños breves que nos axuden a comprender como se vive e se sente o museo.
Poñer voz e, se é posible, tamén rostro ás persoas das nosas diferentes comunidades permítenos facer visible algo fundamental: a diversidade de impactos positivos que os museos xeramos e a pluralidade de colectivos aos que chegamos.
Cada testemuño axúdanos a debuxar un mapa máis humano da museoloxía social iberoamericana: unha cartografía de experiencias reais, afectos, memorias e vínculos. Que nos mostre non só o que fan os museos sociais, senón tamén o que provocan nas vidas das persoas.
.
Fai visible o impacto do voso traballo
Os testemuños que nos enviedes, que pode ser un só por museo, xunto coa información da actividade ou proxecto no que se enmarca, poderán formar parte da divulgación final en aberto desta edición, incorporándose ás conclusións compartidas das conversas e ás aprendizaxes colectivas.
Deste xeito, as experiencias coas que xa estades a transformar os territorios contribuirán a facer visible a diversidade de prácticas e impactos que os museos sociais están a xerar en Iberoamérica.
Compartir a vosa experiencia é tamén unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo do voso museo, inspirar outras iniciativas e favorecer a conexión entre profesionais e institucións que poidan recoñecerse, recomendarse e tecer novas colaboracións no futuro.
Porque aprender en comunidade tamén significa facer circular as boas prácticas, recoñecer o que xa está a funcionar e fortalecer redes entre quen comparte unha mesma vontade de transformación social desde os museos.


