Facémonos escoitar?

Mapa sonoro da memoria colectiva lucense vinculada á realidade LGTBIQA+

Temática:  Xéneros e igualdade

Mediante un chamamento dirixido á poboación de todo o territorio lucense durante o mes de xuño de 2021, recopilamos a través de audios de móvil testemuñas orais nas que se transmiten vivencias, anécdotas, experiencias e lembranzas vinculadas á temática LGTBIQA+ acaecidas ao longo do territorio provincial.

Resultado deste proceso é este mapa sonoro formado por fragmentos sonoros de numerosas persoas que ao longo das súas vidas viviron, presenciaron, sufriron ou celebraron momentos, afectos e vivencias que hoxe en día constrúen a realidade LGTBIQA+ da provincia de Lugo e que nos sitúan nun determinado punto do camiño no avance cara a construcción de sociedades nas que pague a pena vivir.

Este proxecto é froito dunha colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial, o Colectivo Agrocuir da Ulloa e a Cooperativa Indaga, no marco das celebracións do Orgullo LGTB 2021.

Coincidindo co 15 aniversario da Rede Museística Provincial, tendo en conta a intención que dita Rede ten este ano de conciliar pasado, presente e futuro a través da recuperación da memoria, e en consonancia tamén co lema “O futuro dos museos. Recuperar e reimaxinar”, elexido este ano polo Consello Internacional dos Museos para a celebración do Día Internacional dos Museos, esta proposta representa unha boa oportunidade para recuperar lembranzas da poboación, do tecido social e das institucións da provincia de Lugo no eido LGTBIQA+, contribuíndo á necesaria celebración dos avances logrados na historia recente da provincia, e servindo tamén para identificar os obstáculos e retos aínda presentes.

Tamén lle pode interesar

  • Cartel das II xornadas pacegas en Tor. Na imaxe vese o sillón da nodriza do cuarto dos nenos e unha muller vestida de doncella planchando.

II Xornadas Pacegas

Programa para profesionais da contorna museística. Esta segunda edición xira arredor do poder dos museos, co proxecto SoTERRAdas como fío condutor.

Comparte nas túas redes