Facer territorio atando cabos

Arte, memoria e saberes silenciados

O proxecto artístico “Facer territorio atando cabos”, realizado pola artista interdisciplinar Irene Trapote baixo a curadoría de Sergio Marey, xorde como unha proposta que entrelaza a arte contemporánea coa memoria do territorio para situar no centro os saberes, historicamente invisibilizados, das redeiras da Mariña lucense. Esta iniciativa fundaméntase nunha investigación previa que entende o oficio destas mulleres como un espazo de resistencia, identidade colectiva e coñecemento artesanal profundamente vinculado ao mar Cantábrico. A proposta desenvólvese baixo o marco de SoTERRAdas, un programa da Rede Museística Provincial de Lugo dedicado a rescatar historias e prácticas silenciadas por discursos dominantes ou industriais. Neste contexto, o traballo das redeiras abórdase non só dende a súa precarización e marxinación histórica, senón como un arquivo vivo de xestos e técnicas transmitidas xeracionalmente que constitúen o ADN cultural e emocional da comarca.

A esencia deste proxecto reside nunha metodoloxía de traballo baseada na escoita e na co-construción, onde a artista e as redeiras traballan en horizontalidade para producir unha peza que active e habite o seu oficio. Recentemente, a deputada de Cultura, Iria Castro, acompañada pola xerente da Rede Museística, Encarna Lago, visitaron o espazo de traballo na nave de redes do porto de Burela para coñecer de primeira man o desenvolvemento desta iniciativa que aposta pola colaboración directa entre creadoras e traballadoras do mar. Actualmente, o proxecto centra os seus esforzos na recollida de testemuños orais e documentación gráfica e audiovisual que servirán de base para a peza final. As participantes non son meras figuras representadas, senón suxeitos políticos e portadoras dun coñecemento situado que reivindica o valor dos oficios feminizados, historicamente relegados ao ámbito doméstico ou considerados complementarios.

O proxecto persegue obxectivos que van máis alá do estético, procurando un impacto real na comunidade a través da documentación das técnicas e historias de San Cibrao, Burela e Viveiro, ao tempo que busca unha reparación simbólica ao integrar estas narrativas no relato museográfico oficial. Trabállase tamén para favorecer a transmisión interxeracional do saber tradicional e fortalecer a autoestima e a identidade das mulleres do mar a través do recoñecemento público do seu labor. O resultado final deste proceso colaborativo, que poderá adoptar a forma de instalación téxtil, sonora ou híbrida, será inaugurado o próximo 17 de xuño no Museo Provincial do Mar de San Cibrao. Con esta presentación, o museo aspira a converterse nun organismo vivo de resonancia para estas voces, funcionando como un espazo de encontro onde emerxa o que durante moito tempo permaneceu soterrado. Como parte fundamental desta vontade de diálogo, o día seguinte á inauguración o proxecto contará cun obradoiro colaborativo e comunitario que permitirá estender o proceso creativo á cidadanía e reforzar o vínculo entre a institución e a comunidade que a habita.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes