Fíos de Paz
Fíos de Paz
A paz tamén se constrúe amodo

A paz non sempre nace de grandes xestos; decote constrúese amodo, co silencio e a paciencia das mans que saben agardar. Con motivo do Día Internacional da Paz, o Museo Provincial de Lugo convida a participar en Fíos de Paz, un obradoiro singular destinado ás persoas maiores do noso Club Senior. Esta iniciativa forma parte do compromiso da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) por acompañar procesos de “bo vivir”, coidado e fortalecemento da comunidade, un labor que se reflicte na participación activa de case 278 mulleres nas actividades fixas dos nosos catro museos.
Baixo a coordinación de Ángeles Miguélez, o obradoiro preséntase como unha tregua necesaria fronte ao ruído do mundo contemporáneo. A proposta é tan sinxela como profunda: recuperar o traballo manual desde a experiencia compartida e a calma. A través do labor téxtil —unindo teas, cosendo historias e anoando fíos— os participantes tecerán de xeito colectivo unha peza única. Esta obra non só funcionará como un símbolo de unidade e convivencia, senón que servirá para reivindicar publicamente a memoria, a paciencia e a sabedoría que residen nas nosas persoas maiores.
Agardamos por vós o vindeiro día 29 ás 17:00 h na Sala de Exposicións da Deputación para ser testemuñas de como a paz se fía, puntada a puntada, en comunidade.





