Francisco Lloréns Díaz
150 anos do seu nacemento
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Francisco Lloréns Díaz naceu na Coruña o 10 de abril de 1874, onde iniciou os seus estudos na Escola de Artes e Oficios, sendo discípulo do pintor Román Navarro.
Posteriormente trasladouse a Madrid para formarse na Academia de San Fernando onde tivo como mestres a Carlos de Haes e Joaquín Sorolla.
Despois dunha estancia de varios anos en Roma, cidade á que accede cunha bolsa da Academia Española, viaxou por Bélxica e Holanda, experiencia que tivo un influxo decisivo na súa brillante carreira como pintor de paisaxes.
Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas, obtendo nas Nacionais de Belas Artes unha terceira medalla en 1907, unha segunda en 1908 e primeira en 1922 e na Exposición Universal de 1915, unha medalla de ouro.
Foi galardoado coa gran Cruz de Carlos III; Académico de San Fernando; membro de Honra da Real Academia Galega e socio de Honra do Círculo de Belas Artes.
Actualmente, Francisco Lloréns está considerado como o creador da pintura da paisaxe galega, na que destaca o seu particular tratamento da luz e a captación da atmosfera. As costas, os vales, as rías e as praias dos arredores da Coruña, sobre todo de Mera e Sada, lugares onde o artista pasa as súas tempadas estivais, convértense nos temas principais da súa obra.
Lloréns pinta directamente do natural, realizando bosquexos e debuxos que logo traspasa ás súas composicións. Ademais cultivou outros xéneros como o bodegón e o retrato.
No Museo Provincial de Lugo, consérvanse cinco obras do artista: Tres delas, datadas en 1929, formaron parte do friso do salón de actos do pavillón de Galicia, da Exposición Iberoamericana de Sevilla, proxecto do que Lloréns foi director artístico. Ingresaron nas coleccións da Deputación Provincial de Lugo tras a derriba do edificio e posterior reparto dos obxectos entre as catro deputacións galegas patricinadores do proxecto.
Este friso está dividido en tres grandes lenzos que sufriron modificacións e engadidos para adecualos aos formatos regulares que teñen na actualidade. Os tres óleos sobre lenzo teñen como tema central a vida no mar e a súa xente. Seguindo a lectura orixinal, o primeiro deles é:
A alegoría da pesca. Esta obra ten unhas mediadas de 100 x 527 cm., e representa a catro mariñeiros no fondo do mar recollendo coas súas redes peixes de múltiples especies típicas das rías galegas.
O Regreso da pesca, de 100 x 248 cm, ocupaba o centro do friso e é a parte que sufriu máis modificacións ao presentar dous grandes engadidos nos extremos inferiores, realizados posteriormente por outro artista.
O último lenzo, coñecido como: Fábrica de sardiñas, mide 100 x 246’5 cm, e representa a transformación do peixe.
Os tres cadros presentan unhas características comúns como son o predominio do debuxo e a liña e o emprego dunha paleta de cores opaca a base dos verdes, grises, azuis e violáceos. Actualmente poden verse na biblioteca do Museo Provincial.
Ademais destas obras, na sala 12 do Museo Provincial de Lugo, exhíbense outros dous cadros do artista:
Paisaxe de Betanzos, é un óleo sobre lenzo pintado en 1920. Mide 11 x 151 cm., e representa unha paisaxe dun remanso do río Mandeo, nos chamados “Caneiros” de Betanzos. A composición caracterízase polo contraste dunha gran zona de sombra no primeiro plano que contrasta cunha paisaxe fortemente iluminada do fondo.
Eucaliptos, trátase doutro óleo sobre lenzo de 102x 91 cm. Representa unha paisaxe típica das Rías Altas galegas, no que destaca o emprego dunha paleta fría con predominio de verdes e azuis fundamentalmente. Esto é un excelente exemplo de como Lloréns era capaz de transportar aos seus cadros a cambiante atmosfera galega. A obra foi doada por José Fernández López en 1961.
MQF/Departamento de Belas Artes do MPL
Outras acordanzas
Acordanzas: 25 anos da morte de Manuel Colmeiro Guimaraes
Manuel Colmeiro Guimaraes 25 anos da morte Temática: Belas Artes