Francisco Núñez Losada

50 anos da súa morte

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Francisco Núñez Losada

(Candelario, Salamanca, 1 de outubro de 1889 – Madrid 11 de xullo de 1973)

De neno, Francisco vive un tempo coa súa familia en Salamanca, por traslado do seu pai que era funcionario de telégrafos. Nesa cidade inicia a súa formación pictórica, que compaxina con clases de violín. Máis tarde cursa estudos de belas artes, primeiro en Valencia, na Academia de San Carlos, e logo en Madrid, destino definitivo do seu pai, na Academia de San Fernando. Asiste a clases de Cecilio Plá e realiza copias de grandes cadros no Museo do Prado, obras de Velázquez, Durero, Memling, Rubens…

En 1915 viaxa por primeira vez á comarca cántabra de Liébana co seu irmán Abelardo, músico e fotógrafo, e o efecto que lle produce a grandiosidade e beleza daquela paisaxe de vales rodeados polas altas montañas dos Picos de Europa, de impresionantes panorámicas e vertixinosos desniveis con elevacións próximas aos 2.000 metros, será clave para orientar e definir a súa pintura. Ademais, nunha pequena poboación da zona coñece a Concha de Celis, con quen casa en 1918, e isto contribúe a que permaneza ligado para sempre ao lugar.

Participa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes e consegue varios premios. Unha 3ª medalla na convocatoria de 1908 e unha 2ª na de 1934. Na de 1941 presenta a Paisaxe Valdecoro (Picos de Europa) e logra unha 1ª medalla, casualmente o mesmo ano que Julia Minguillón recíbea polo seu cadro Escola de Doloriñas.

Páxinas do Catálogo Oficial da Exposición Nacional de Belas Artes de 1941

Páxinas do Catálogo Oficial da Exposición Nacional de Belas Artes de 1941

Tamén en 1941 obtén por oposición a Cátedra de Paisaxe da Escola de Belas Artes de Barcelona e en 1942 a de Restauración da Escola Superior de Pintura de San Fernando de Madrid. En 1943 convídano a participar na Bienal de Venecia, coa consecuente proxección para o artista, e isto inflúe en que a Dirección de Marrocos e Colonias lle encargue desprazarse a Guinea Ecuatorial para pintar as paisaxes e a vida das xentes da que entón era colonia española. Alí realiza unha ampla colección de cadros que presenta nunha exposición de gran éxito no Círculo de Belas Artes de Madrid. En 1948 recibe un encargo similar, esta vez para os territorios do protectorado español de Marrocos.

Ao longo da súa traxectoria ten outros importantes recoñecementos, como a Encomenda e Placa da Orde de Alfonso X O Sabio ou ser nomeado membro da Hispanic Society of America. Ademais, Candelario, o fermoso pobo salmantino na Serra de Béjar, lugar de nacemento do pintor, réndelle homenaxe, proclámao fillo predilecto en 1949 e mantén o seu recordo cunha rúa co seu nome.

Núñez Losada vive coa súa muller e o seu fillo en Madrid, en Ciudad Lineal, onde constrúe unha casa e organiza o seu estudo. Fai roteiros a pé por lugares próximos, como a Serra do Guadarrama, pero viaxa cada ano aos Picos de Europa, o espectacular espazo natural que lle proporciona a prezada soidade e permítelle apreciar en plenitude os cambios estacionais. Os cumes nevados gran parte do ano, as variacións de luz e de cor dos bosques de faias e carballos que maxistralmente rexistra nos seus cadros. Desprázase co seu caballete, os seus materiais e utensilios de pintor e rexistra as súas impresións. Mantén o respecto e a preocupación pola natureza e a admiración polos cumes. Anhela a paisaxe máis pura, sen presenza humana, e plásmao nas súas obras, nas súas paisaxes sen figuras. A súa pintura non se entende sen a súa íntima relación coa montaña. O pintor é, xunto aos seus irmáns, precursor do montañismo en España e pronto inicia nesa disciplina ao seu único fillo, Francisco Núñez de Celis (Madrid, 1919- 1996), que tamén será pintor e restaurador como o seu pai.

A paisaxe de Salamanca, da cidade e a provincia, é outro dos grandes protagonistas da pintura de Francisco Núñez Losada. Candelario, La Alberca, Ciudad Rodrígo, Alba de Tormes, Sierra de Francia…

A obra de Nuñez Losada acusa indubidablemente o Romanticismo pictórico de Pérez Villaamil (Ferrol 1807 – Madrid 1889), representante dun xénero, o de paisaxe, que practicamente ata o século XVII careceu de entidade propia e só tivo presenza como elemento de fondo, formando parte de escenas de figuras. Pero sen dúbida o máis evidente é a notable influencia de Carlos de Haes (Bruxelas 1826- Madrid 1898), mestre dun bo número de artistas e gran impulsor en España da pintura de paisaxe no século XIX.

Obra de Francisco Núñez Losada no Museo Provincial

O Museo Provincial conserva entre os seus fondos unha única obra deste autor, o cadro titulado Remanso entre penas, un óleo sobre cartón de 50 x 60 cm que foi doado ao museo o 9 de maio de 1958 por José Fernández López (Lugo 1904 – Madrid 1986), significado benfeitor da institución.

A pintura representa unha paisaxe, unha composición equilibrada, con ceo despexado e montañas de ladeiras suaves na metade superior e rocas e o leito dun río que leva pouco caudal na inferior. Convén destacar o acertado tratamento da luz e a cor. O pintor representa con mestría a luminosidade propia das primeiras horas da mañá, a que modela sombras suaves e envolve todo nun certo ton prateado. Conségueo co uso de cores matizadas e pouco contrastadas, ocres, sienas, verdes… Unha instantánea propia de tempada de estío.

No reverso do cartón aparece un bosquexo ou pintura inacabada doutra paisaxe, neste caso con montañas, árbores e unha ponte. Quizá o resultado dunha primeira xornada ao aire libre. As primeiras manchas do proceso pictórico que xa definen o encadre, a composición e a entoación xeral e que, desde logo, poñen de manifesto a destreza do pintor e o seu dominio do xénero paisaxístico.

Remanso entre penas

Anverso: Remanso entre penas

reverso

Reverso: Boceto

LY/Departamento de Belas Artes

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes