“Territorio compartido, raíces comúns”
“Territorio compartido, raíces comúns”
I Certame Internacional de Pintura AIRA

Dende o 24/04/2026
O Museo de San Paio de Narla acolle dende hoxe 24 de abril, ás 17:00 horas, a apertura da exposición correspondente ao I Certame Internacional de Pintura organizado pola Cooperativa AIRA. Baixo o título “Territorio compartido, raíces comúns”, esta iniciativa nace co propósito de establecer pontes entre a creación artística contemporánea e o contexto rural. A mostra convida a explorar as conexións que unen a sociedade coa terra, poñendo en valor a identidade colectiva e os vínculos que sustentan o territorio.
A temática central da convocatoria propón unha reflexión sobre o ciclo da vida e a interdependencia entre as persoas e o seu contorno natural. As obras seleccionadas capturan a esencia do rural, dende o traballo no campo ata o compromiso coa comunidade, integrando diversas correntes estéticas para dar voz á natureza e ao futuro compartido.
A través das pezas que conforman esta mostra itinerante, o público pode descubrir unha visión renovada do mundo rural como un espazo de dignidade, beleza e sustentabilidade. Esta colaboración entre a Cooperativa AIRA e a Rede Museística Provincial de Lugo celebra o vínculo entre a terra e a vida, consolidando un punto de encontro entre a arte e as raíces do noso territorio.


