Incorporada a espiña dun bonito de 48 kg
dentro do programa “+mares”

A RMPL fixo de xullo un mes significativo na reivindicación do xénero. Pamen Pereira e Soledad Penalta puxéronlle nome á arte nas súas últimas exposicións, e dúas das súas obras foron incorporadas aos nosos fondos. Este venres, 2 de agosto, o Museo Provincial do Mar de San Cibrao toma o relevo e mantén a súa procura de recuperar e reivindicar a perspectiva feminina do mar, unha lectura de xénero inserida no xeito de ser, de estar e de proceder en sociedade que a RMPL traballa cada día do ano.
As nosas “Mariñas, Marosas e Maruxainas”, inseridas no proxecto “Amar a Mar”, viñeron ao museo para quedar na colección permanente e poñerlle cara ao relato de tantas mulleres que sostiveron coas súas mans o pasado, presente e futuro do noso territorio.
Desde esta ollada ao pasado, queremos recuperar a memoria daquelas nenas que asistiron á escola no que hoxe é o noso museo e aprenderon da man da mestra Dona Sagrario e de todas aquelas que a sucederon. Todas aquelas persoas que poidan ter información ao respecto (memoria oral, documentos, fotografías, etc.) poden facérnola chegar vindo ao museo ou enviándoa ao correo museodomar@museolugo.org.
Dentro do programa “+mares”, anunciamos a incorporación dunha nova peza á colección do Museo Provincial do Mar grazas á doazón de Antonio Rey Otero, “Ton”. Trátase da espiña dun bonito de 48 kg capturado entre as costas de San Cibrao e Burela.