José Balaca e Carrión
150 aniversario da sua morte
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Cúmprese o 150 aniversario da morte do pintor José Balaca e Carrión (Cartaxena 1810 – Madrid 19 de novembro de 1869). Coincidindo con esta circunstancia, o Museo Provincial dedícalle a súa sección Acordanzas e aproveita para considerar tamén a obra dos seus fillos Eduardo e Ricardo Balaca e Orejas- Canseco.
No MPL consérvanse tres obras da saga dos Balaca. Dúas delas atribuídas ao pai, José, e a outra ao seu fillo menor, Ricardo. As tres pinturas, tres retratos ao óleo sobre lenzo, atópanse actualmente na área de reserva de fondos de belas artes do museo, en proceso de estudo técnico, artístico e iconográfico, así como de avaliación do seu estado de conservación.
Retrato de cabaleiro. Atribuído a José Balaca
Óleo/lenzo. 57´5 x 46´4 cm. Adquirido en 1956
Retrato do Sr. Seijo, José Balaca (1856).Óleo/lenzo. 65´4 x 52´3 cm
Legado de Dna. Josefa Seijo Serantes, entregado polos seus testamenteiros o 2 de decembro de 1943
Retrato de Dna. Ramona de Prado e Ozores. Marquesa de San Martiño de Ombreiro, Ricardo Balaca(1869).
Óleo/lenzo. 72 x 58´6 cm. Doazón
En 1838 José Balaca xa se instalou en Madrid para estudar pintura na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Nese ano rexístranse os seus primeiros traballos como alumno da institución, onde pronto mostrou interese polo tratamento da figura e os rostros e, en consecuencia, polo xénero do retrato.
A pintura de José Balaca foi plenamente retratística. Ao longo da súa vida cultivou o retrato de encarga e mantivo especial dedicación aos de reducido formato, pequenos retratos portátiles ou de gabinete, miniaturas moi apreciadas para uso íntimo ou familiar que aos poucos serían relevadas polo daguerrotipo e o avance da fotografía.
Desde Madrid, José trasladouse a Lisboa coa súa muller, Cristina Orejas Canseco, e o seu fillo maior, Eduardo. Nesta cidade naceu en 1844 o seu segundo fillo, Ricardo. Durante a súa estancia en Lisboa José Balaca alcanzou certo recoñecemento como retratista. Tanto é así que recibiu o encargo de realizar un retrato oficial da raíña Dna. María II de Portugal a partir dun xa existente. A raíña condecorouno nomeándoo Caballero da Orde de N. Senhora dá Conceiçao de Villa Viçosa.
Tras a estancia en Lisboa, a familia residiría temporalmente en Londres e París, desprazada probablemente por cuestións políticas. En 1850 regresa a España e aséntase de novo en Madrid onde José renova con intensidade a súa actividade pictórica. En 1856 participou con varias pinturas na Primeira Exposición Nacional de Belas Artes española.
Probablemente a orixe galega, ferrolán, da muller de Balaca, Cristina, estableceu a vinculación familiar con Galicia. Sabemos das súas viaxes e estancias vacacionais e están documentados algúns retratos de distinguidos personaxes galegos da época.
En canto á técnica e ás características da pintura de José Balaca, sobresae a minuciosidade e o especial coidado nos detalles (adornos). Pero tamén acusa certa rixidez no debuxo, nas formas, moi relacionado todo iso coa intensa dedicación deste pintor ás miniaturas. Os seus retratos caracterízanse en xeral pola sobriedade da cor e a habitual utilización de fondos neutros.
Consérvase obra de José Balaca no Museo Nacional da Habana, no Museo de Belas Artes de Murcia, no de Belas Artes de Asturias, ou no Museo do Romanticismo de Madrid.
Eduardo (Madrid 1840 -1914) e Ricardo (Lisboa 1844 – Madrid 1880) iniciáronse na pintura xunto ao seu pai e como el cultivaron en abundancia o xénero do retrato. Eduardo ademais de pintor foi decorador e profesor da Escola de Artes e Oficios de Madrid. En colaboración co seu irmán Ricardo, realizou as pinturas para a cúpula da desaparecida igrexa madrileña do Bo Suceso, inaugurada en 1868 pola raíña Isabel II. Participou en certames e exposicións e as súas obras recibiron mencións de honra nas Nacionais de Belas Artes de 1864 e 1867.
Ricardo Balaca está considerado como o máis talentoso pintor da saga. O Museo Provincial posúe unha obra súa, un interesante retrato de notables calidades pictóricas. A muller retratada é Dna. Ramona de Prado e Ozores, Marquesa de San Martiño de Ombreiro. Ricardo pintouno en 1869. O cadro formaba parte do lote de obras doadas ao museo en 2006 por D. José Antonio Ozores Souto, VII Marqués de Ombreiro, quen máis tarde renunciaría ao seu título nobiliario.
LY/Departamento de BB.AA
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
O Museo Provincial de Lugo lembra ao pintor Tino Grandío cando se cumpren 100 anos do seu nacemento
Tino Grandío 100 anos do seu nacemento. Temática: Belas Artes