Julio Antonio Fernández Argüelles

Centenario do nacemento

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

O día 2 de maio cómprense 100 anos do nacemento de Julio Antonio Fernández Argüelles (Astorga, León 2 de maio de 1923 – A Coruña 8 de abril de 2002). Pintor, escultor e gravador natural de Astorga, pero asentado desde 1951 na Coruña, onde levou a cabo unha intensa actividade pictórica e mantivo unha significada presenza no ámbito institucional. Faleceu nesta cidade o 8 de abril de 2002.

Fillo de pai coruñés e nai asturiana, pasou parte da súa mocidade en León, onde se iniciou na pintura apenas adolescente e nesta cidade realizou a súa primeira exposición. Orientou os seus estudos cara ao mar. Cursou Náutica en Madrid e Barcelona e durante uns 20 anos foi mariño mercante, aínda que mantivo no posible un tempo para a pintura. En 1951 casou coa coruñesa María Branca Lobato e instaláronse na Coruña, onde formaron unha familia numerosa. Dez anos despois Julio optou por deixar de navegar e preparar oposicións. Obtivo a primeira praza para a cátedra da Escola Náutica, onde máis tarde vai ocupar o cargo de director.

En 1976 é nomeado académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e en 1988 designado por unanimidade presidente da mesma, sendo o oitavo en ocupar o cargo. Durante o seu mandato promovéronse en 1990 as candidaturas da Muralla de Lugo e a Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade e creouse o Salón de Outono de pintura, un certame bianual que concedía importantes premios en metálico.

Foi un pintor incansable ao longo de toda a súa vida, tanto na súa etapa de navegante como na de docente e particularmente tras a súa xubilación, e mantivo esa paixón pola arte en paralelo aos seus compromisos institucionais.

Como pintor cultivou todos os temas e xéneros. Pintou en abundancia figura, a miúdo relacionada con temas relixiosos, nus e sobre todo retratos, paisaxe, con especial dedicación ás mariñas, bodegón…  Polo tratamento que daba ás súas obras, o propio artista considerou nalgunha ocasión que a súa pintura era expresionista e certamente dramática.

Mariña de Fernández Argüelles, cadro que está exposto no Museo Provincial de Lugo.

Mariña. Acrílico/táblex. 89,9 x 122 cm

Fernández Argüelles está representado nas coleccións do Museo Provincial cun cadro. Trátase dunha paisaxe titulada Mariña que representa unha vista ben recoñecible de Betanzos. Nun primeiro plano o río Mandeo con algunhas embarcacións, sobre o río a chamada ponte vella e tras desta a vista das casas abigarradas e escalonadas, dispostas no desnivel, propias desta poboación.

Esta obra proporciónanos un bo exemplo do característico uso da materia e a cor na pintura de Fernández Argüelles. Evidencia a utilización da espátula para depositar e estender a pintura, para trazar liñas do debuxo e favorecer as mesturas de cor sobre a propia superficie pictórica. Tamén o predominio de tons ocres, alaranxados e cobrizos moi do seu gusto.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Julio Prieto Nespereira

Neste mes de decembro de 2022 queremos lembrar ao artista Julio Prieto Nespereira nos 125 anos do seu nacemento, poñendo en valor a colección de obras  expostas  na sala 25 do Museo Provincial de Lugo.

Comparte nas túas redes