Memorias migrantes.

Arquivo gráfico en construción

O vindeiro mércores, 18 de decembro, ás 19:00 h, o Museo Provincial de Lugo acollerá a inauguración de “Memorias Migrantes”, unha exposición de Adela Vázquez Veiga.

“Memorias Migrantes” é unha crónica visual e narrativa que aborda a experiencia de ser migrante na actualidade, contada dende a ollada particular dunha muller galega que residiu na Península de Yucatán, México, desde 2004 e retornou a Galicia en 2022. As memorias que compoñen a mostra foron rexistradas en directo entre Galicia e Yucatán. A exposición reúne relatos individuais e colectivos co obxectivo de xerar un espazo de escoita e reflexión.

O guión constrúese desde o posicionamento da autora: “marchei porque puiden, marchei porque quixen”. Con esta afirmación, Adela Vázquez Veiga reivindica que a súa partida foi unha elección privilexiada, e o arquivo resultante é unha ollada particular mediada pola súa experiencia persoal.

Este conxunto de memorias gráficas convida o público a pensar sobre o impacto social das migracións, a sostibilidade ambiental ou a participación comunitaria, analizando tres dimensións clave: as prácticas socioeconómicas, sociopolíticas e socioparentais. O proxecto tamén invita a reflexionar sobre a complexidade dos procesos migratorios e a afondar en fitos como a memoria, a contramemoria, as memorias disidentes, a diáspora, o exilio, o éxodo, a inmobilidade e a mobilidade, a diversidade, o traballo, a equidade ou os dereitos culturais. A mostra sitúa territorios, comunidades e experiencias particulares coa vontade de vindicar as súas memorias.

“Memorias Migrantes” é, finalmente, unha mostra de afecto cara ás persoas que fixeron posible este relato. É un convite a abrir a relación entre memoria, oralidade e relato gráfico como prácticas para soster o recordo e abrazar os retornos que todas vivimos.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes