O legado de Castelao no Museo Provincial de
Lugo. Arte e Identidade
Nova exposición en Omeka

No Samaín, a caveira revélase como unha das ilustracións máis revolucionarias e vangardistas da traxectoria artística de Castelao. Esta obra, concibida orixinalmente para a portada da súa novela curta Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, foi editada en 1922 por Céltiga.
O relato, protagonizado por un esqueleto que observa o mundo dos vivos a través dun ollo de vidro, atopa neste deseño a súa tradución gráfica perfecta para estas datas de lembranza. A forza da imaxe converteuna nunha icona cultural empregada en carteis publicitarios da época, co reclamo “Alto, merque vosté un ollo de vidro por Castelao”, e reutilizada posteriormente en varias publicacións, como por exemplo, pola Real Academia Galega en 1961 e pola Editorial Galaxia en 1964.
A obra do MPL é un linogravado, procedemento áxil e fluído que o artista descubriu durante unha viaxe de estudos por Alemaña en 1922. Castelao adoptou esta técnica ao comprender a súa enorme utilidade para ilustrar a prensa e o cartelismo a baixo custo, e ademais difundiu o método formando a mozos creadores locais. A estética sintética e vangardista desta obra caracterízase polo contraste de grandes masas contrapostas en branco e negro, e un deseño de formas angulosas e esquemáticas. Nesta caricatura macabra, tan propia do Samaín, Castelao denuncia as inxustizas sociais. A través dela, amosa que a morte nos iguala a todos, sen importar a clase social.
Aproveitando esta efeméride, o Museo Provincial de Lugo publica en liña a exposición virtual en Omeka “O legado de Castelao no Museo Provincialde Lugo. Arte e Identidade” (VER EN: https://omeka.redemuseisticalugo.org/s/o-legado-de-castelao-no-museo-provincial-de-lugo/page/inicio)
Esta mostra, resultado do traballo de investigación realizado polo Departamento de Belas Artes do MPL coa coordinación da Dirección, amosa un estudo completo das obras de Castelao que se conservan no museo, así como do seu contexto histórico-artístico e da vida e obra do artista.
O obxectivo xeral das exposicións virtuais é o aumento da visibilidade dos fondos custodiados no MPL, tanto na exposición estable como nas zonas de reserva, poñéndoos en valor a través de ferramentas e recursos dixitais que contribúan á democratización da transferencia de coñecemento e á socialización do patrimonio cultural.
Ademais, con estas iniciativas tamén se procura espertar o interese do público en visitar o museo para desfrutar a experiencia de contemplar as obras en vivo, así como ofrecer recursos a entidades docentes, asociacións e colectivos para poder informarse e traballar coas coleccións do MPL nos seus centros
Máis información:
Aurelia Balseiro Gracía (direccion@museolugo.org / 982 242 112)


