Novas incorporacións ás coleccións do Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor recibiu en 2024 unha significativa doazón por parte de Javier Rey Docampo. Rey Docampo é neto de Dona Paz Taboada de Zúñiga, quen era tía de María Paz Taboada de Zúñiga, a última residente e doante do pazo situado en Monforte de Lemos.
As pezas doadas pertenceron á liñaxe Garza e, nalgún momento da historia, formaron parte do Pazo de Tor ou de propiedades dos seus descendentes. Esta incorporación é fundamental, xa que complementa e enriquece a ampla colección de obxectos da familia, que se conservan no pazo desde hai séculos. Antes da súa exposición, todas as pezas someteronse a un longo proceso de desinsectación e de conservación preventiva, garantindo así a súa integridade e a súa perdurabilidade. As pezas que xa se poden visitar forman parte dun legado máis amplo, do que aínda quedan elementos por incorporar, xa que se atopan en proceso de restauración, como é o caso dun dosel de cama.
Pezas destacadas e novos espazos para a visita
Entre os elementos doados, sobresae unha estatua dun xacente funerario de comezos do século XV. Esta figura, que xa se pode contemplar no patio do pazo desde principios deste ano, é crucial para reconstruír e dar visibilidade aos inicios da liñaxe dos Garza. Existen rexistros, tanto escritos como orais, que confirman que esta peza estivo moitos anos no Pazo de Tor, atopándose ata agora na vivenda do doante.
Outra novidade importante é a posibilidade de visitar o dormitorio completo de Dona Paz Taboada de Zúñiga. Este mobiliario, que data de finais do século XIX e que destaca pola heráldica dos Zúñiga, vestiu na súa totalidade un cuarto. A doazón tamén inclúe un lavabo e árbores xenealóxicas da liñaxe, que se exhibirán na coñecida como Habitación do Bispo.
Ademais, o museo abre unha nova sala que, ata o de agora, albergaba o arquivo. O arquivo foi trasladado á nova biblioteca, grazas a que as condicións de conservación actuais o permiten. Esta nova sala acollerá a colección que anteriormente se mostraba na Habitación do Bispo, xunto con algunhas pezas de carácter litúrxico que permanecían inéditas para o público. Crese que esta habitación era utilizada polo capelán do pazo para preparar a liturxia, polo que a súa recuperación devolve o espazo ao seu uso orixinal.