Encontro de Saberes con Marian López Fernández-Cao.

Cultura que coida e dá luz.

A Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da súa Rede Museística Provincial, convida a todas as persoas a participar nunha nova sesión dos Encontros de Saberes Compartidos: Cultura que dá luz. Esta cita, que forma parte do programa estratéxico Museoloxía Social: Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir, terá lugar o vindeiro 24 de febreiro ás 11:30 h no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, con entrada libre ata completar o aforo.

O encontro contará coa participación de Marian López Fernández-Cao, catedrática de Educación Artística na Universidad Complutense de Madrid, investigadora e arteterapeuta. Como referente internacional na intersección entre a arte, o feminismo, a educación e a inclusión social, López Fernández-Cao ofrecerá unha conferencia titulada “Aprender a mirar, crear desde outro lugar. Estratexias pacifistas e feministas da mirada e da creación”.

A través desta intervención, abrirase un espazo de diálogo arredor da museoloxía social como unha práctica comprometida coa vida, entendendo a cultura non só como un dereito, senón tamén como un territorio fundamental para a saúde comunitaria. A sesión afondará na creación artística como unha estratexia activa para a paz e explorará o concepto do “bo vivir” como un horizonte ético e político necesario.

Nun tempo marcado pola fragmentación e a incerteza, esta proposta busca xerar un pensamento colectivo sobre como a cultura pode actuar como luz, coidado e responsabilidade compartida. Esta iniciativa reforza a idea de que os museos da provincia non só conservan memoria, senón que teñen a misión de coidar, mediar e construír o futuro da nosa sociedade.

Comparte nas túas redes