Novos obradoiros do Museo Provincial do Mar
Novos obradoiros do Museo Provincial do Mar
Primeiro trimestre

Cun novo período de traslación da Terra arredor do Sol xa en marcha, dende o Museo Provincial do Mar convidámosvos a seguir aprendendo e compartindo en común este 2026, a través dun novo ciclo de obradoiros deseñados para a infancia, especificamente para nenas e nenos do de entre 6 e 12 anos. Estas actividades, que contan con tan só 10 prazas por sesión para garantir unha experiencia próxima e de calidade para cada participante, pretenden espertar a curiosidade e o compromiso co noso contorno e a nosa historia.
A programación arranca este mesmo sábado 24 de xaneiro, de 11:30 a 13:00 horas, co obradoiro titulado “Pequenos xestos, grandes cambios”. Aproveitando o Día Mundial da Redución de Emisións de CO2, realizaremos un percorrido polas nosas salas para avaliar como as accións humanas diarias contribúen ao efecto invernadoiro e que repercusión teñen na saúde do noso planeta.
A seguinte cita trasládanos ao 7 de febreiro no mesmo horario coa proposta “O meco do mar: o que non coidamos”. Trátase dunha actividade creativa que fusiona a tradición do noso Entroido coa importancia vital de protexer as nosas augas. A través dun “meco” moi especial —un personaxe satírico onde emerxen simbolicamente os erros que cometemos cara ao medio ambiente—, o alumnado do obradoiro descubrirá de xeito activo como os nosos actos inflúen na vida mariña, aprendendo a mirar o océano con máis respecto e conciencia.
Finalmente, o 7 de marzo pecharemos este ciclo cunha ollada á nosa identidade en “As mulleres que navegan a historia”. Nesta sesión indagaremos na memoria da nosa comarca e da súa xente para coñecer a travesía das mulleres nos traballos do mar, percorrendo o camiño dende as pioneiras ata as reivindicacións de dereitos actuais.
Para participar en calquera destas xornadas, podedes realizar a inscrición contestando ao correo electrónico do museo, chamándonos por teléfono ao 982 59 45 72 ou vindo directamente a visitarnos a San Cibrao. A folla de inscrición está dispoñible para a súa descarga na sección de “enlaces de interese” desta mesma entrada; podedes enviala cuberta á volta de correo para facilitar o rexistro. Recomendamos non despistarse coas datas, xa que as prazas adoitan voar. Así mesmo, pedímosvos que, se por calquera motivo non se puidera asistir tras confirmar a reserva, nos avisades canto antes para que outra persoa poida aproveitar e gozar desta experiencia no museo.


