Novos obradoiros do Museo Provincial do Mar

Primeiro trimestre

Cartel ilustrado do Museo Provincial do Mar que anuncia tres obradoiros infantís en paneis de cores: un sobre ecoloxía e o planeta (24 de xaneiro), outro sobre a contaminación mariña representado por un "meco" de refugallos (7 de febreiro), e un terceiro sobre a historia das mulleres no mar (7 de marzo). Na parte inferior, un grupo de nenas e nenos sinala as datas sobre un calendario.

Cun novo período de traslación da Terra arredor do Sol xa en marcha, dende o Museo Provincial do Mar convidámosvos a seguir aprendendo e compartindo en común este 2026, a través dun novo ciclo de obradoiros para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos. Estas actividades contan con 10 prazas por sesión para garantir unha experiencia de calidade e pretenden espertar a curiosidade e o compromiso co noso contorno.

A programación arranca o sábado 24 de xaneiro (11:30–13:00 h) co obradoiro “Pequenos xestos, grandes cambios”, onde avaliaremos como as accións diarias afectan á saúde do planeta con motivo do Día Mundial da Redución de Emisións de CO2. A seguinte cita será o 7 de febreiro coa proposta “O meco do mar: o que non coidamos”, unha actividade creativa que fusiona a tradición do Entroido coa protección das augas para aprender a mirar o océano con máis respecto.

Continuaremos o 7 de marzo con “As mulleres que navegan a historia”, sesión na que indagaremos na memoria da comarca para coñecer a travesía das mulleres nos traballos do mar. Seguindo este fío, o sábado 21 de marzo celebraremos o obradoiro “Sabores que viaxan polo mar”, onde exploraremos como a comida garda lembranzas a través dun recetario colectivo feito coas achegas das crianzas sobre os seus pratos familiares, rematando coa creación do noso propio “Barco de Sabores”.

Para participar, podedes realizar a inscrición por correo electrónico, no teléfono 982 59 45 72 ou en persoa en San Cibrao. A folla de inscrición está dispoñible para descarga na sección de “enlaces de interese” desta entrada. Recomendamos non despistarse xa que as prazas adoitan esgotarse rápido e agradecemos que nos avisedes en caso de non poder asistir para liberar a reserva.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes