Novos obradoiros do Museo Provincial do Mar

xuño

A programación arranca con dúas propostas moi especiais deseñadas como actividades complementarias da exposición “Tecendo redes”. A primeira delas é o obradoiro “Facer territorio atando cabos”, que se desenvolverá o 18 de xuño da man de Irene Trapote e Sergio Marey.

A segunda proposta vinculada á mostra titúlase “A linguaxe do barro: Miragres compartidos”, impartida por Soila Jankowska e Cris Bamio. Esta actividade parte da idea de que decorar unha peza é como escribir unha carta sobre a terra, unha mensaxe que perdura e nos recorda quen somos. As persoas participantes decorarán unha peza de barro artesanal para convertela nun amuleto vivo das súas vivencias, pintando aquilo que as representa nun proceso que permite exteriorizar emocións e sentimentos. Este obradoiro contará cunha dobre cita. A primeira sesión terá lugar o venres 12 de xuño, de 16:00 a 17:30 horas, no propio Museo Provincial do Mar, e contará coa participación especial dous usuarios e usuarias da Fundación Eu Son. A segunda sesión, aberta a todos os públicos, celebrarase o venres 19 de xuño, de 17:30 a 19:00 horas, nas instalacións do Cenima en Foz.

O clube pequeamigxs tamén terá o seu espazo con dúas actividades pensadas para mentes curiosas de 6 a 12 anos, ambas as dúas con prazas limitadas a 10 participantes e en horario de 11:30 a 13:00 horas.

O sábado 13 de xuño chega a quenda de “A asemblea dos océanos”. Partindo da premisa de que o mar é o corazón do noso planeta pero precisa de axuda, os cativos e cativas descubrirán o funcionamento do ecosistema mariño e aprenderán, mediante xogos e desafíos, que accións poden levar a cabo para protexelo.

Finalmente, o sábado 27 de xuño, o museo conmemora o Día do Orgullo LGTBIQ+ co obradoiro colaborativo “O mar da diversidade”. Trátase dunha invitación a descubrir que, do mesmo xeito que no océano conviven multitude de formas de vida, a diversidade fai máis rica a nosa sociedade. A través de contos, xogos cooperativos e creación colectiva, os participantes navegarán xuntos polos valores da educación, os dereitos e o respecto.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes