“Quen ocupa esta cadeira?”
“Quen ocupa esta cadeira?”
No MPL o 7 de marzo

07/03/2026 de 11:30 a 13:30h.
O vindeiro 7 de marzo, o Museo Provincial de Lugo convértese no escenario dunha experiencia cultural única que busca dar voz á historia das mulleres a través do diálogo e a posta en escena. Baixo o título “Quen ocupa esta cadeira?”, esta iniciativa transforma as salas do museo en espazos de encontro onde o mobiliario funciona como unha “máquina do tempo” para conectar ao público cos relatos de mulleres que foron determinantes na evolución do noso mundo.
O proxecto, consolidado tras anos de traxectoria da man da Escola Palimoco e baixo a dirección de Paloma Lugilde, fundaméntase na idea de “habitar os espazos con historiasdas mulleres da nosa historia”. Nesta edición, un total de 70 rapaces e rapazas situaranse en diferentes puntos do museo, cada un sentando fronte a unha cadeira baleira. A dinámica é sinxela: os mozos e mozas agardan a que un visitante decida ocupar o asento libre para dar comezo a un relato personalizado. O que sucede a partir dese momento non segue un guión pechado, senón que cada encontro se converte nunha peza irrepetible baseada na escoita e o descubrimento mutuo.
Esta cita do 7 de marzo convida a toda a cidadanía a achegarse ao Museo Provincial para participar activamente nunha xornada de sensibilización e memoria. É unha oportunidade para que o espectador deixe de ser un suxeito pasivo e se converta en parte esencial da obra, simplemente sentando e escoitando as historias que cada cadeira ten preparadas para contar.


