O Museo Provincial de Lugo continúa a publicación en liña das súas coleccións

A partir de hoxe estarán dispoñibles en Omeka as obras do artista galego Manuel Colmeiro custodiadas no MPL, coas súas fichas catalográficas e unha contextualización artística.
Esta iniciativa acompaña á exposición temporal “As cidades de Colmeiro”, comisariada por Carlos L. Bernárdez coa colaboración da Asociación de amigos de Colmeiro e o concello de Vigo, que pode visitarse na Sala Multiusos deste museo ata o vindeiro 31 de maio.
https://omeka.redemuseisticalugo.org/s/colmeiro
Os departamentos técnicos do Museo Provicial de Lugo: Arqueoloxía e Historia, Belas Artes e Etnografía e Artes Decorativas coordinados pola dirección facultativa, implementarán a súa presenza en liña con contidos accesibles e divulgativos que amosan o estudo e catalogación dos seus fondos museográficos.
Co obxectivo de aumentar a visibilidade das coleccións custodiadas no MPL, tanto as da exposición estable como as de reserva, poñendo en valor o noso patrimonio cultural a través de ferramentas dixitais e recursos de Omeka, ofrecemos unha serie de mostras de bens culturais en liña que contribúan a difundilo e coñecelo.
Omeka permite organizar, describir e exhibir obxectos de museo, así como amosalos virtualmente mediante a creación e publicación de exposicións virtuais atractivas e interactivas. Emprega estándares de catalogación como Dublin Core, o que facilita a preservación e o acceso a recursos históricos e culturais.


