O MUSEO PROVINCIAL DE LUGO INCREMENTA EN 2025 AS SÚAS COLECCIÓNS NUN 88% CON RESPECTO A 2024

O Museo Provincial de Lugo rematou o ano 2025 cun balance notablemente positivo no incremento das súas coleccións e fondos museográficos. Polo tanto, cómpre salientar o significativo aumento de fondos que tivo lugar durante este período, xa que os ingresos aumentaron un 88% con respecto a 2024 coa incorporación de 585 bens culturais en total.

Entre as doazóns recibidas cabe mencionar o conxunto de obra gráfica e pezas de etnografía legado en testamento por Xoán Anllo Vázquez, a colección de armas de Rafael Iglesias Cimadevila ou as obras do artista Xoán Anleo. Así, os Departamentos de Arqueoloxía/Historia, Belas Artes e Etnografía e Artes Decorativas dispuxeron de novos bens para a súa catalogación, estudo e documentación.

Á par destes ingresos, e co fin de divulgar e dar a coñecer os fondos do museo, desenvolveuse o programa “Coleccionismo e museos”, no que se realizaron exposicións sobre distintas coleccións doadas ao MPL, como é o caso da mostra “Xogar, aprender e divertirse. Os xoguetes de Xosé Lois Basanta Campos”, que se pode visitar o ata o vindeiro 28 de febreiro.

Por outra banda, dentro dos traballos realizados a prol da accesibilidade pública presencial ou en liña do seu patrimonio cultural, destacan as 480 consultas atendidas polos departamentos técnicos, nas que o persoal de Catalogación facilitou máis de 400 reproducións de bens culturais e na Biblioteca-Arquivo se consultaron case 500 obras e máis de 3.000 documentos. Ademais, sobresaen cuantitativamente as visitas en liña ao programa de Arquivo ATOM, con 620.241 consultas anuais.

Recepción das obras doadas por Xoán Anleo. O Museo Provincial de Lugo agradece a xenerosidade dos seus benfeitores pasados, presentes e futuros polo seu compromiso co patrimonio cultural custodiado nesta institución.

Enlaces de interese

Comparte nas túas redes