‘O Salvador’ de San Pedro Fiz de Muxa en 3D
Esta proposta forma parte de: Pezas en 3d
Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo
Material: granito
Cronoloxía: románica, finais do s. XII
Orixe: antiga igrexa (hoxe desaparecida) de Muxa.
Dimensións: 87,5 cm de alto, 41 cm de ancho, 39 cm de fondo.
Exposto en: Museo Provincial de Lugo
O SALVADOR DE MUXA
Escultura románica datada a finais do s. XII. Foi atopada na cuberta dunha casa da parroquia San Pedro Fiz de Muxa, en Lugo. Parece que a súa procedencia puido ser a antiga igrexa, hoxe desaparecida. No ano 1932 D. Bautista Guitián, da mesma parroquia, dóalla ao Museo Provincial, onde actualmente se atopa exposta na sección de Arte Sacra. Está realizada en pedra granítica e mide 87,5 cm de alto, 41 cm de largo e 39 cm de fondo. Como se observa na lámina, representa unha figura sedente en actitude hierática sobre unha pequena cadeira de tesoira. No seu rostro, enmarcado pola melena partida ao medio e a barba, destacan os grandes ollos amendoados. Coa man dereita sostén un libro cara ao peito e coa esquerda, aínda que mutilada, parece que amosa unha actitude de bendicir. As súas pernas só se esculpirán ata a altura dos xeonllos.
Na parte posterior da escultura atópanse talladas dúas columnas sobre as súas bases, unha entorchada e outra con perforacións a modo de pequenas fiestras. Estas serían o soporte do baldaquino que acubillou a figura do Salvador.
A rusticidade da peza, a desproporción entre as distintas partes do corpo ou o esquemático tratamento do encartado da roupaxe que marca a súa anatomía, lévannos a enmárcala dentro do románico rural galego, no último terzo do s. XII.
Para Elena Várela Arias, o Salvador de Muxa ofrece paralelismos con diversas obras executadas na Catedral de Lugo, como as do obradoiro que traballou na Porta Norte, en especial coas cabezas dos apostólos do pinxante onde se representa a Ultima Cea. Á súa vez este obradoiro está relacionado coa actividade realizada por un mestre de orixe francesa que traballa en Avila e Aguilar de Campoo (Palencia) arredor de 1170-1185, nun estilo cuxa orixe, segundo S. Álvarez Moralejo, toma como referencia o románico borgoñón avanzado.
Paula Salinas Somoza
Cartafol do Museo. Guía gráfica do Museo Provincial de Lugo (2007). Lámina XXXIII
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
Santa Catarina
Santa Catarina Público: Profesionais de museos e investigadoras Esta