O sestercio da caetra xa é parte da colección numismática do Museo Provincial de Lugo

Temática: Arqueoloxía
Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo
A Vicepresidencia da Deputación completou a adquisición da moeda, declarada BIC en setembro de 2022
A deputada de Cultura recepcionou a moeda, unha peza case única da que só se coñecen tres exemplares no mundo
A deputada de Cultura Iria Castro recepcionou o sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, un acto co que se formaliza a incorporación ao Museo de Lugo desta moeda, declarada Ben de Interese Cultural en setembro de 2022 e case única xa que só se coñecen tres exemplares das súas características no mundo. A peza foi adquirida a un coleccionista privado, polo que a súa compra supón a incorporación ao patrimonio público.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “coa recepción, conclúe a compra da moeda que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo comezou a xestionar a finais do ano pasado, con Maite Ferreiro como responsable de Cultura, co obxectivo de incorporar ao Museo de Lugo, e polo tanto poñer a disposición de toda a cidadanía, unha peza única, de gran valor histórico e simbólico para a cidade de Lugo e para Galiza”
Iria Castro sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posible para conservar e expoñer á cidadanía esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización” e destacou que “a persoa propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática, que é unha das máis completas de todo o Estado”.
O sestercio da caetra é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal- , no reverso. A falta doutros datos, as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo.
Trátase da única das tres moedas coñecidas exposta ao público en Galiza. O outro exemplar, atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; a outra da que se ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.
O sestercio da caetra incorpórase á colección numismática do Museo de Lugo como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas.
Trátase de dous trientes suevos a nome de Valentiniano -un deles o terceiro exemplar coñecido con ese diseño do busto-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Tui – do que se coñecen doce exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Valdeorras -do que se coñecen tres exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Sanabria – cinco exemplares coñecidos – e un triente visigodo acuñado por Gundemaro en Valdeorras -unicamente dous exemplares coñecidos-.
As moedas adquiridas amplían e completan a colección numismática do Museo Provincial de Lugo, formada por 10.000 moedas e medallas. O centro museístico traballa nunha reformulación da exposición permanente de numismática para mostrar o sestercio da caetra e o resto das moedas, unha vez conclúa a súa catalogación.
Tamén che pode interesar
Entrega do novo volume das rutas literarias “Bágoas de nube” de Luz Darriba
Entrega do novo volume das rutas literarias “Bágoas de nube” de Luz Darriba


