Os Nosos Castelos
San Paio de Narla e os seus señores

Dende o 16/10/2024
ao 12/11/2024
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC, Xunta de Galicia) inicia en Lugo a itinerancia da exposición “Os Nosos Castelos. San Paio de Narla e os seus señores“. Esta mostra está organizada polo grupo de investigación “Historia Social do Poder desde a Idade Media” do Instituto, dirixido pola científica titular do CSIC Amparo Rubio Martínez.
A inauguración celebrarase no Museo Provincial de Lugo o día [data] ás 17.00 horas. No acto intervirán Iria Castro, deputada delegada de Cultura; Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo; Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, comisario da exposición e profesor vinculado ad honorem do CSIC.
Despois da inauguración, realizarase unha visita guiada a cargo do comisario, acompañado por outros membros do equipo de traballo da exposición. A continuación, terá lugar unha mesa redonda na que se afondará en temas como a historia da fortaleza de San Paio de Narla, a súa evolución arquitectónica e as liñaxes que tiveron dereitos sobre ela.
O obxectivo desta mostra é dar a coñecer o patrimonio histórico e monumental da fortaleza de San Paio de Narla, adquirida pola Deputación Provincial de Lugo en 1939, convertida en museo histórico e etnográfico en 1983 e integrada na Rede Museística Provincial dende o 2006. A exposición aborda temas como a arquitectura da fortaleza, as súas liñaxes e a súa importancia documental e literaria.
Esta iniciativa continúa a liña de mostras itinerantes sobre castelos, torres e fortalezas galegas que o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento vén desenvolvendo desde 2021, como “Castro Caldelas e Monforte de Lemos” ou “A Limia, terra de torres“.